“Santiago de Compostela, 4 de abril de 2011.
Desde a organización ecoloxista ADEGA queremos trasladarlle o noso convite á presentación da campaña en defensa do territorio Ponte no medio. Móvete polo territorio, que terá lugar o sábado 16 de abril, ás 12:00 horas, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
Esta campaña nace da necesidade de responder de xeito firme e articulado ás innumerables agresións que está a sufrir o noso territorio, aos ataques que pretenden borrar a nosa identidade, ás accións encamiñadas a extorsionaren os recursos naturais que lles debemos ás novas xeracións e ás políticas guiadas polos intereses privados e especulativos do poder económico que tentan arrebatar a representación social nas decisións políticas que a todos nos incumben.
Cremos que é hora de reaccionar ante esta desfeita e de expresar nun movemento común o que moitos colectivos, organizacións e particulares están demandando de xeito illado desde hai xa moito tempo. Ao lado dos manifestos e das tradicionais manifestacións como forma de presión, debemos artellar mecanismos novos de mobilización colectiva e de persuasión social e individual, incluído o ciberactivismo, para podermos cambiar o desafortunado rumbo que levan as cuestións medioambientais e culturais na nosa Terra.
Aínda que a Campaña en defensa do Territorio está promovida por ADEGA, a iniciativa está chamada a recoller e a xuntar cantas vontades ecoloxistas, académicas, sindicais, agrarias, sociais, culturais, políticas, profesionais ou veciñais sexan críticas coas actuais prácticas destrutoras do territorio e a facerse eco de cantas voces propoñan alternativas de xestión e de ordenación territorial máis xustas e máis sostibles ambiental e economicamente.
Sería unha honra para nós que vostede estivese presente no acto de lanzamento da campaña que consistirá na lectura do Manifesto en defensa do territorio. Agradecémoslle que nos confirme a súa participación coa máxima brevidade posible no correo electrónico culturaeterritorio@adega.info ou no teléfono 982-240299. Como sempre, á súa disposición: ADEGA.