Lugo: Xornada “O valor do Pedregal de Irimia”

O xoves 22 de decembro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), ADEGA organiza a “O valor do Pedregal de Irimia, iniciativas para a súa conservación“.
ADEGA promove estas xornadas dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo Territorio”. Trátase dunha xornada consistente nunha mesa coloquio na que se afondará na importancia da protección do Pedregal de Irimia, polo seu alto valor patrimonial tanto material como inmaterial, a súa relevancia paisaxística, turística e natural.
As diferentes intervencións irán encamiñadas a por en valor este enclave natural, berce do máis relevante dos ríos da nosa xeografía, analizando os riscos e ameazas que sobrevoan sobre o mesmo.
Así mesmo presentaremos durante o transcurso da xornada o Manifesto pola declaración do Pedregal de Irimia como Monumento Natural.
A través desta xornada e coa participación de multitude de asociacións implicadas na defensa e posta en valor do Pedregal de Irimia, queremos buscar e propor novas vías para a súa protección e fomentar un debate constructivo e un intercambio de ideas na busca de fórmulas que permitan a persistencia deste importante espazo.
Relatores:
– “Iniciativas para a conservación e protección do Pedregal” por Adela Figueroa Panisse; Bióloga e membro de ADEGA.
– “O patrimonio inmaterial do Pedregal” por Antonio Reigosa; Escritor e investigador da mitoloxía popular.
– “O Pedregal e a súa xeografía” por Francisco Javier López; Profesor da USC, Enxeñeiro agrónomo e Licenciado en Xeografía.
A xornada estará amenizada por Lois Pérez que a través da súa actuación “De pedras, augas e contos” aportará un punto de vista lúdico e humorístico a situación.
Esta Xornada conta co apoio e patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.”

Coñécense os gañadores do II Certame de Relatos O lugar onde vivo

Desde ADEGA:
ADEGA e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, entregaron os premios do II Concurso Fotográfico Fotografías polo territorio, do II Certame de Relatos O lugar onde vivo e do I Certame de Curtametraxes E ti que é o que ves, que organiza ADEGA en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Os tres certames en enmárcanse dentro da campaña Ponte no medio. Móvete polo territorio, nacida co gallo de que a sociedade retrate o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra, e están patrocinados pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. Nesta edición achegáronse 50 fotografías, uns 40 relatos e 8 curtametraxes procedentes de toda a xeografía galega: Mugardos, Agolada, Lalín, Lugo, Cerceda, As Nogais, Vilar de Santos, Cedeira, Ourense, Ribeira, Brión, Arbo, Pontecesures, etc. (…)
No caso do certame literario tamén participaron máis de 40 relatos, e para decidir os gañadores, o xurado baseouse na orixinalidade, na calidade literaria, na coherencia do código lingüístico empregado e que o territorio galego figurase no relato. Os premiados foron:

* Categoría Adultos/as:
GañadorRibeira, de Francisco Castro Alvaredo (O Incio). Diploma e 250 euros.
Finalistas:
O anel, de Marisa Otero López (Santa Cruz de Ribadulla, Vedra). Diploma.
O meu lar, de Sonia Nogueiras Santana (Vilar de Santos). Diploma.
Os sons dun pobo, de Sandra Lorenzo Rodríguez (Ourense). Diploma.

* Categoría Xuvenil:
Gañador: A cadeira da moura, de Daniel Duque Puga (Barcela-Arbo). Diploma e 200 euros.
Finalistas:
Mobiliario mortal de Sara Azidane Chenlo (Pontecesures). Diploma.
O muíño do inferno, de Sheila Guille Bugarín (As Neves). Diploma.
Brión, un Concello máxico, de Ana Souto Villanustre (Brión). Diploma.”

Convocado o II Concurso de relatos curtos O lugar onde vivo

“Partindo de que a literatura é un importante vehículo de expresión, o obxecto da convocatoria é a creación dun espazo de reflexión e creación literaria sobre a beleza do noso territorio e as moitas agresións que está a sufrir o noso país, dende calquera punto de vista, patrimonial, cultural, paisaxístico, perda de identidade, etc. É por iso que ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), co patrocinio da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo, convoca este 2º Concurso de relatos curtos sobre O lugar onde vivo, dentro da programación da campaña que está a levar a cabo, Cultura e territorio.

BASES DO CONCURSO

1ª. Temática dos relatos. Os relatos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire en torno ás visións que ten a poboación galega acerca do lugar onde vivimos, cómo é, cómo foi, cómo quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo…. Ofrecemos unha oportunidade para que a través da redacción dun relato curto se manifesten as inquedanzas que teñen os galegos e galegas no tocante ao noso territorio.
2ª. Ámbito territorial. Os relatos deberán facer referencia a algún lugar concreto da xeografía de Galiza.
3ª. Participantes/categorías. Poderá participar no concurso calquera persoa que así o desexe. Establécense 2 categorías para o concurso:
* Xuvenil; ate os 16 anos inclusive.
* Adulto; a partir de 17 anos inclusive.
4ª. Obras e forma de presentación. Cada participante poderá presentar un máximo de dous relatos. Todos os relatos presentados deberán ser orixinais, inéditos e non ter sido gañadores noutro concurso. Os relatos terán unha extensión mínima de 1 folio e un máximo de 6 folios confeccionados a ordenador, a dobre espazo e por unha soa cara (Arial 12), escritos en lingua galega exclusivamente. Os traballos presentaranse en sobre pechado no cal figurarán o nome do relato e o pseudónimo. No interior do sobre presentarase un exemplar do relato, co título e asinado co pseudónimo igualmente. Xunto co relato, noutro sobre pechado, co mesmo título e pseudónimo no exterior achegaranse os datos persoais do autor (nome e apelidos, enderezo, data de nacemento, teléfono e e-mail). Os relatos remitiranse por correo postal certificado á Delegación de ADEGA-Lugo, sita en Ronda das Fontiñas, 180 entrechán B 27002 LUGO. A organización non asumirá responsabilidades por danos ou extravíos no seu envío. Opcionalmente, poderanse entregar en man nas oficinas de ADEGA–Lugo na dirección antedita, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00. Poderán presentarse tamén vía correo electrónico (culturaeterritorio@adega.info) en arquivo anexo co título do relato e pseudónimo, e noutro arquivo anexo co pseudónimo constarán os datos persoais do autor. A organización confirmará a chegada dos relatos mediante correo electrónico.
5ª. Data límite de presentación. Os relatos poderanse presentar ata o día 1 de Outubro de 2012, inclusive.
6ª. Xurado. O xurado estará composto por 6 integrantes repartidos da seguinte maneira; O Presidente do xurado e un vocal designados por ADEGA, un vocal designado pola Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo, un vocal designado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), un vocal designado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL), e un vocal designado pola USC, os cales decidirán tendo en conta estas bases, por maioría de votos e de forma inapelábel.
7ª. Valoración. A valoración das obras realizarase conforme aos seguintes criterios; calidade do traballo, correspondencia coa temática do concurso e orixinalidade.
8ª. Fallo. O concurso resolverase dentro dun prazo máximo de 45 días naturais contados dende a data límite de presentación. Organizarase un acto de entrega de premios e divulgación xeral do concurso, cuxa data e lugar será debidamente comunicada aos premiados e sociedade en xeral (entroutros medios a través da páxina web de ADEGA).
9ª. Premios.
* 1º Premio Categoría; Adulto: Vale canxeable por valor de 250 euros (libros) e Diploma.
* 1º Premio Categoría; Xuvenil: Vale canxeable por valor de 200 euros (libros) e Diploma.
Ademais os relatos premiados, así cómo os mellores seleccionados entre todos aqueles que non obtivesen un premio, serán obxecto de exposición na páxina Web de ADEGA así como noutras posibles exposicións e publicacións.
10ª. Uso dos relatos. O feito de participar no concurso implica a cesión do uso dos relatos presentados a ADEGA, que poderá utilizalos, citando sempre ao seu autor, para a súa publicación, exposición, reprodución ou calquera outro tratamento posterior, sempre sen ánimo de lucro.
11ª. A participación implica a total aceptación destas bases.”

Santiago: XXII Xornadas de Lingua e Literatura

Está aberto o prazo de matricula das XXII Xornadas de Lingua e Literatura. A actividade ten servido, ao longo dos derradeiros 22 anos, como lugar de intercambio de experiencias, de presentación de recursos ou como foro de debate dos principais problemas que afectan á docencia de Lingua e Literatura, sen esquecer nunca a problemática sociolingüística. As Xornadas terán lugar os próximos días 20 e 21 de abril na Facultade de Ciencias da Educación (Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela.

PROGRAMA

Venres 20
16:30 h. Entrega de material.
17:00 h. Inauguración.
17:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro á luz dunha biografía. Ramón Nicolás Rodríguez, profesor e crítico literario.
18:30 h. Correlingua: O alumnado como protagonista dunha ferramenta normalizadora.
19:00 h. EL Producións artísticas, compañía de teatro residente no Tal-Teatro Arte Livre de Vigo. Representación da obra de teatro: Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val.

Sábado 21
– De 10:00 a 11:00 h. Seminarios:
* A autora fala da súa obra. Olga Novo, escritora.
* O cartel como elemento normalizado. Pilar Ponte, profesora de lingua e literatura galegas.
* Proposta didáctica para traballarmos nas aulas coas SMS e outros soportes comunicativos. Estefanía Mosquera Castro, filóloga.
– De 11:15 a 12:15 h. Seminarios:
* O autor fala da súa obra. Miro Villar, escritor.
* Presenza das mulleres na literatura galega. Mercedes Queixas Zas, profesora de lingua e literatura galegas e crítica literaria.
Proxecto Ríos de Lingua e Cultura. Iniciativa de recollida e divulgación de nomes populares asociados aos ríos. Virxinia Rodríguez Álvarez, presidenta de ADEGA, coordinadora do Proxecto Ríos.
12:30 h. Mesa redonda: Música e literatura. Xurxo Souto, Sés, Leo de Leo e Arremecaghona e Miguel Mosquera de Ataque Escampe.
13:30 h. Presentación do proxecto xornalístico Sermos Galiza. Presentación da rede socioeducativa Belvís.
16:00 h. Conferencia: Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética de Valentín Paz Andrade. Carlos Callón Torres e Paulo Filgueiras Fachal, profesores de lingua e literatura galegas.
17:30 h. O grupo de teatro da Sociedade Cultural MEDULIO (Ferrol) representa o espectáculo O mundo segundo Rosalía de Castro, como homenaxe e celebración dos 175 anos do nacemento da nosa escritora fundacional. Consiste na escenificación de poemas rosalianos pertencentes a Cantares Gallegos e Follas Novas. Este espectáculo demostra a potencialidade da poesía de Rosalía para a escena e a súa impresionante actualidade, alén de indicar camiños e suxestións para o profesorado e o alumnado achegarse a ela.

Matrícula:
– Socios/as da AS-PG e afiliados/as da CIG-Ensino: 15 €
– Desempregados/as: 36€
– Normal: 60€

Inscrición: Na páxina da AS-PG ou en CIG-Ensino, apartado de formación.

Homologación: Está solicitada a homologación á Consellería de Educación por 10 horas lectivas. Para a obtención do certificado será necesario acreditar unha asistencia de, cando menos, o 85% da totalidade da actividade.

Caldebarcos, Carnota: II Simposium Monte Pindo, o sábado 3 de decembro

O sábado 3 de decembro, no Centro Social de Caldebarcos, terá lugar o II Simposium Monte Pindo, baixo o título O Olimpo Celta, a debate, organizado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. O programa é o seguinte:

– 10:00 h. Inauguración, por César Cambeiro, presidente da Asociación de Veciños Xurde Caldebarcos.
– 10:30 h. Ponencia A custodia do territorio, por Margarita Miguens Busto, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
12:00 h. Presentación do libro Máxico Tear Natural, polo escritor Xosé Manuel Lobato, publicado en Alvarellos, que ao remate asinará exemplares.
– 13:00 h. Ponencia Anfibios e réptiles de Galicia e do Monte Pindo por Moisés Asensi Cabirta, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da Guía dos anfibios e réptiles de Galicia.
– 14:00 h. Xantar.
– 17:00 h. Proxección en estrea do documental Sendeiros ocultos: Ruta á Moa, por Andrés López Romero, director.
17:30 h. Recital poético por Xoán Lestón.
– 18:00 h. Ponencia por Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
– 19:00 h. Debate aberto.
– 20:00 h. Saúda por Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota.
– 20:30 h. Clausura por Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Para máis información e participar no xantar, cómpre anotarse ata o 2 de decembro no teléfono 667 39 31 73.