Entrevista a Mercedes Queixas en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A literatura galega aínda carece dun estudo profundo e aclarador dos que se teñen feito por aí?
– Mercedes Queixas (MQ): A literatura, a arquitectura, a música, a historia, a plástica, a pedagoxía, a economía, a filosofía, a ciencia… Atreveríame a dicir que calquera área de saber, calquera ámbito do coñecemento pensado e elaborado en clave galega, con perspectiva diacrónica e personaxes principais galegos está aínda pendente de estudo e divulgación. A nosa desmemoria é grande, iniciabamos lentamente o camiño da recuperación e do autorrecoñecemento, tan necesario para que calquera comunidade social se respecte e avance, mais agora baixo pretexto de austeridade política –mais concretamente, esganamento educativo e cultural mal disimulado, tal e como eu o vexo e vivo– as fórmulas do coñecemento hai que o simplificar tamén e polo tanto para que procurar na raíz propia –radicalismo ad pedem litteram– se xa dispomos dunha historia contada por outros? Para min descubrir os trobadores, o Padre Sarmiento, Rosalía de Castro, Castelao, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Carvalho Calero foi unha necesidade/oportunidade urxente que me fixo medrar o orgullo de ser o que son, nin máis nin menos. E síntome moito máis rica e completa desde que accedín a eles. (…)
– GH: Podemos dicir sen medo, e cun moderado orgullo, que a literatura galega está vivir o momento máis esplendoroso da súa historia?
– MQ: Do igual xeito que podemos pensar que a mellor obra está pendente de escribir, pode ser que o momento máis esplendoroso aínda estea por vir. É difícil determinar o futuro e aínda máis predicilo. A distancia do tempo permite palparmos etapas literarias excelsas, pensemos na literatura medieval, por exemplo, ou no Rexurdimento decimonónico. Ora ben , non esquezamos algo para min determinante: o presente e o futuro da literatura galega é e será segundo o presente e o futuro da lingua que a constrúe, da sociedade que a escribe, edita, publicita e le… As etapas literarias sempre veñen determinadas polo contorno político-social-económico de cada país en cada momento. Como senón se pode explicar o existencialismo da poesía da Escola da Tebra? Ou o socialrelismo dun poeta como Manuel María? Ou a poética renovadora e transgresora dos anos 80? Ou mesmo o florecemento da literatura infantoxuvenil nas últimas décadas? Nada é casual nin fortuíto. Os proxectos callan porque hai quen traballa neles e porque previamente acredita neles. Temos magníficos axentes creadores e produtores de literatura, de cultura. Precisamos distribuidores que axuden a visualizala.