Olga Patiño: “Galiza é un universo maior: Soamentes se perden as loitas que se abandoan”

Entrevista a Olga Patiño en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A poesía, Olga, é esencia e presenza no teu vivir…?
– Olga Patiño (OP): Si, é un xeito de asentamento, de ser e de estar, de ir á procura do mundo a través dun mesmo e dos demais coa maior veracidade posíbel. A poesía é un acto de insubordinación. É un acto de comunicación en liberdade, atopar a luz no medio das tebras que non da noite, a noite pode ser moi clarificadora. A poesía é revelación e redención. Precisamos dun lirismo metafísico para que sobreviva o espírito, para non deixarnos engulir polo baleiro dunha sociedade consumista cos valores invertidos, onde o propio ser humano é o maior depredador da súa propia especie. A poesía ensancha a capacidade da conciencia para enfrontarse á estreiteza dos dominios domésticos. O testemuño poético revélanos outro mundo dentro deste mundo. No espazo poético a busca desa outra voz é incesante, lévanos ao desexo de atopármonos espidos no espello da autenticidade do que somos, ou do que soñamos que somos: illas habitadas por nós mesmos. A forza da palabra é inconmesurábel, eu creo nesa forza, na sedución latente desta. Di Tobias Wolff: ‘Por que ía César temer a Ovidio, se non fora porque sabía que nin a súa divindade, nin todas as súas lexións poderían protexelo dun bo verso?’ (…)
– GH: Procuraches ou procurarás os camiños do ensaio, da narrativa?
– OP: Considero que xa estou na narrativa cos -relatosbonsái- (microrrelatos). Pechar en poucas liñas unha visión transcendente do mundo, seméllame cativador. Ao fin e o cabo o microrrelato achégase á poesía (poesía en movemento), moita intensidade en pouca extensión, son contos concentrados ao máximo. O haiku é para a poesía o que o microrrelato para a prosa. A animación é o que distingue, en certa medida, o microrrelato da poesía, e tamén, unha certa vontade metaliteraria. Déixalle ao lector unha parte importante do traballo.”