Entrevista a Miguel Anxo Fernández en Galicia Hoxe:
‘”Interésanme os antiheroes. Personaxes como os de Henning Mankell ou Petros Markaris. Hai un tipo de novela negra europea, que agora está tendo moita repercusión polo fenómeno Stieg Larsson. A min Larsson non me interesa, pero creo que o éxito destes autores ten que ver con que levantan acta da parte escura da sociedade”, comentou.
Do mesmo xeito que as novelas anteriores afondaran, desde a ficción, no que agochan as altas esferas da produción de Hollywood -explotación sexual, corrupción, tratos de favor…-, Lume de cobiza achégase ó mundo dos incendios provocados que serven a intereses urbanísticos ou a recualificación de terreos por políticos comprados.
O contexto daquela sorte de especulación adiantaba ademais a crise económica que veu despois, como resultado do xogo co prezo da vivenda. “Procurei, claro, a verosimilitude. Son personaxes moi reais, por exemplo, as súas parentes, como a tía avoa. O que conto é ficción, pero poderiamos atopar na realidade uns cantos construtores como o da novela, o Demoleitor. Soutelo é un tipo queimado, que está de volta, da falta de sinceridade da clase burguesa, que pode encarnar a súa irmá ou os pais do mozo morto. Ese aspecto social está moi presente, si, na novela”, lembrou.’