Xavier Queipo: “O poder esmagador”

Entrevista a Xavier Queipo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Desta volta, o tema é “o papel esmagador da ideoloxía oficial, o poder omnímodo da Igrexa”. Onde podemos situar hoxe ese poder omnímodo que tivo a Igrexa no XVI?
– Xavier Queipo (XQ): Extramunde ten varios niveis posibeis de lectura, dende o máis lineal -unha novela de aventuras-, até outros máis elaborados, onde o lector pode establecer asociacións de ideas e semellanzas entre a sociedade galega do século XVI e o poder esmagador da Igrexa e a sociedade actual onde a democracia está secuestrada polo poder do capital financiero.
– GH: Mal de linguas había en Diarios dun nómade. Un mal do que, afortunadamente, non te curaches. Como ves as polémicas sobre o decreto do suposto plurilingüismo de Feijoo? En Bélxica a cuestión lingüística tampouco é simple…
– XQ: O mal de linguas é para min unha necesidade, pois vivo nunha sociedade plurilingüe. Eu falo varias, todas elas mal e cun sotaque galego encantador, do que estou ben orgulloso. O importante aquí na Bélxica e o respecto polas dúas comunidades e establecer pontes de entendemento entre elas. Eu entendo o plurilingüismo de xeito diferente ao goberno da Xunta, mais ese é o goberno que nos demos. Entrementres -eles non van mudar- teremos que procurar facer uso dunha verba tan preciosa como solidariede, axudar entre todos a construír unha sociedade maioritariamente en galego, respectando as opcións que outros poidan ter e insistindo na aprendizaxe do portugués a partir do galego, que é unha materia pendente do ensino en Galiza. (…)
– GH: Que supón para ti recibir o Xerais? -Xa gañaras o Premio da Crítica, o García Barros
– XQ: Recibir un premio é un xeito de ter visibilidade, de vindicar a existencia dun traballo que é de corredor de fondo. Levaba moitos anos sen recibir un mínimo recoñecemento e iso notábase. Non son fácil de desanimar, pois creo no que escribo, partindo da honestidade e da procura constante da calidade. A aceptación da obra está moi mediatizada pola obtención de premios, polas críticas que deses libros se fagan e pola presenza destacada na mesa de novidades. É inxusto, mais é asi. O Xerais é un gran premio, con moito impacto e prestixio. Daquela o que me vai traer é visibilidade. Vai tirar doutros libros que estaban esquecidos. Espero que isto aconteza xa e que mentres esperan a que no outono apareza Extramunde, vaian lendo no verá por exemplo Ártico 2.0, que acaba de saír hai un par de semanas, ou Cartas marcadas, que penso que é un bo libro para facer acordar o gusto pola lectura.