“Diante da desfeita cultural que sufrimos, da que o roubo do Códice Calixtino non é máis que o colmo do abandono e desprezo que padece o noso patrimonio e os bens materiais e inmateriais que forxaron a nosa conciencia colectiva, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura vai celebrar o vindeiro sábado 23 de xullo, ás 12:00 horas, unha lectura pública do Alba de Gloria de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico do que soubemos das súas lendas e misterios grazas a obra medieval agora desaparecida. Rememorando á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da patria galega. No 125 aniversario deste autor que é infravalorado e esquecido por unhas institucións que deberan celebralo, as asociacións culturais galegas queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.”