Entrevista a Paloma Calvo en Letra en Obras:
“- Letra en Obras (LO): Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?
– Paloma Calvo (PC): Un dos primeiros libros que me causou impresión foi Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste. Un dos seus relatos, Sobre da morte do Bieito, traumatizoume durante moito tempo coa idea de que alguén puidese ser enterrado en vida. Tamén é certo que cando o lin, aínda que non lembro que idade podía ter, era noviña e de feito, collera o libro dun dos andeis da habitación de meu irmán, que me saca 14 anos. Mais o caso é que moitos libros deixaron pegada, e supoño que coincide con aqueles cos que se estableceu un vínculo especial cos protagonistas das páxinas. Non hai un estilo nin un patrón definido.
– LO: Como se dá o paso da lectura de textos emprestados á escritura de textos propios?
– PC: Todo comeza como unha sorte de xogo, porque no concello acostumábase a facer unha pequena “competición” literaria entre as diferentes escolas, así que supoño que o tomei como unha actividade máis á que me volvín adicta tras gañar a primeira vez que me presentei, coa correspondente ilusión que iso lle podía facer a unha nena de 7 anos. Co tempo, abandonei as historias de animaliños por outras xa máis “humanas”, e co verme da escrita xa no corpo, simplemente foi cuestión de que asimilei a literatura como unha forma máis de expresión e de expansión do propio “eu”. (…)
– LO: Que medidas consideras precisas para gañar lectores para a nosa literatura?
– PC: Penso que unha correcta formación en literatura galega sementa un xerme necesario que co tempo remata por florecer naqueles suxeitos potencialmente receptivos. A quen non lle gusta ler, non lle gustará ler independentemente do idioma de publicación da obra. A aqueles para os que a lectura si é algo cotiá, coñecer a nosa propia obra e saber que en galego dispoñen tamén dun amplo catálogo de traducións é básico. E nisto, o profesor de galego xoga un papel fundamental porque na súa man está lograr que o alumno, no seu período de maior receptividade, perda todo medo ou receos que poida albergar. Superado isto, hoxe en día a literatura galega no tocante á creación non ten nada que envexar á castelá.”