Entrevista a Francisco Castro en Xornal:
“(…) – Xornal (X): Son tempos de furia para o sector no que traballa, tanto no ámbito literario como editorial. Que nos queda por ver coa situación que hai, coa crise que se vive, cos recortes que sofre a cultura e cos ataques que padece a lingua?
– Francisco Castro (FC): Eu son de natural optimista, incluso en momentos nos que hai motivos para ser moi pesimista. Aínda así, penso que o optimismo vai ser a única actitude que nos vai salvar. Son unha persoa que quere intervir na nosa realidade cultural e quero incidir nunha idea: a responsabilidade é nosa. Evidentemente, os ataques lingüicidas axudan a que as cousas nos vaian tan mal. Evidentemente, a manipulación que o Partido Popular está a facer da cuestión lingüística axuda a que nos vaia tan mal. Pero eu son dos que din sempre que a sociedade civil é a que ten a última responsabilidade. Se o país estivese á altura da nosa cultura, outro galo cantaría. Eu creo que, independentemente de que a situación apunte cara ao desastre, temos que levantarnos pola mañá para escribir libros, para editar libros, para compoñer cancións, temos que seguir pintando… E agora máis que nunca cómpre estar ilusionado. O contrario lévanos ao suicidio.
– X: Diego Ameixeiras, Domingo Villar e Carlos Reigosa son autores que cultivaron a novela negra en galego. É un xénero que dá moi bos resultados para a literatura do país. É unha fórmula necesaria para captar lectores?
– FC: É unha boísima nova os éxitos deste xénero para a literatura galega. Iguálanos con outros moitos sistemas literarios. Neste momento hai un auxe da novela negra. Nunca foi cativo en lectores este xénero, pero agora é un dos xéneros máis exitosos na nosa contorna occidental. Que a cultura galega participe diso é unha gran alegría, unha boa noticia. No caso de Domingo Villar é algo para sacar peito e sacar o noso orgullo por ter un autor que vende tanto, non só en Galicia, senón en moitos lugares. E todo partindo do galego. Outra cousa é o que pretendía facer eu aquí. A min apetecíame un pouco xogar co xénero. Ao final todas as críticas e os comentarios que chegan do libro [In vino veritas] coinciden en que ten unha dose de intriga moi forte e que cumpre con todos os parámetros da novela negra. Claro que si! Eu quería facer parodia, pero quería escribir novela negra.
– X: Varios dos seus libros publicados foron premiados. Os certames son un mecanismo imprescindible para publicar?
– FC: Se non fose polos premios sería máis complicado. De cando en vez aparece ese debate sobre se hai demasiados premios literarios. A nosa lingua é unha lingua minorizada, que non minoritaria e, polo tanto e aínda que sexa un topicazo, os premios axudan a visibilizar a literatura galega e é a porta para a edición de autores. Hai moita xente con talento que está farta de enviar as súas obras ás editoriais. Eu sempre digo que hai que ir aos premios e para min o principio foi así. No ano 97, xa con dous libros publicados e varios anos sen publicar nada e con serias dúbidas, a min cambioume a perspectiva sobre o meu propio traballo o premio Lueiro Rey de Novela Curta. Cando recibes un premio, recibes moitos folgos. Eu defendo os premios e, con isto da crise, hai premios moi importantes que están a caer e que temos que facer esforzos para que non desaparezan.”