“A Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, realizará este martes, no marco da súa programación dedicada a Xosé Neira Vilas, un mural colectivo no que participarán 25 nenos de entre 4 e 11 anos. Segundo informou a Consellería de Cultura, a actividade terá lugar este martes 30 de agosto ás 11:00 horas no Salón de actos da biblioteca e, durante esta, os mozos converteranse “en pintores por un día deixando a súa pegada artística á vez que se divirten”. O deseño do mural e a coordinación dos participantes para colorealo corresponde a Xoana Almar e Miguel Peralta, dous ilustradores formados en Granada e afincados en Santiago, que ofrecen “o seu bo facer de xeito xeneroso e desinteresado”, segundo precisou Cultura, para a realización desta obra colectiva. O resultado da obra poderá contemplarse na Biblioteca Ánxel Casal a partir do venres 2 de setembro, día da inauguración en Santiago da exposición Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, coa que a Xunta homenaxea a Neira Vilas.” Vía Xornal.