A súa catalogación posibilitaría a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura e Deporte, ten elaborado dous inventarios, correspondentes aos anos 2007 e 2008, que recollen un total de 94 casas de escritores e escritoras galegos.
A sociedade galega e as súas institucións son depositarias e debedoras, e polo tanto responsábeis, da divulgación e conservación do legado outorgado polo traballo inxente das escritoras e os escritores que nos precederon na construción da nosa cultura nacional.
Parte fundamental do patrimonio literario herdado son as casas onde naceron ou viviron os nosos escritores e escritoras pola importancia que estes espazos tiveron nas súas biografías e obras e, en consecuencia, para a nosa historia colectiva e tamén para a historia cultural das nosas aldeas, vilas e cidades.
O seu estudo e documentación constitúe, pois, un deber e unha oportunidade de crecemento cultural e mesmo económico, constituíndo un primeiro paso para a súa inclusión no inventario do patrimonio cultural de Galiza. Así mesmo permite que a súa importancia sexa tida en conta nos diversos Plans Xerais de Ordenamento Municipal que están en andamento, converténdoos en ferramentas de defensa da nosa memoria literaria e simbólica.
O inventario feito pola AELG inclúe, alén dun levantamento fotográfico, unha memoria literaria dos lugares onde viviron e sentiron os nosos escritores e escritoras, o cal pode posibilitar a creación de unidades didácticas que axuden na divulgación do noso sistema literario.
Persegue tamén o inventario a inserción do patrimonio inmobiliario dentro doutro inmaterial: os roteiros literarios, rutas urbanas ou rurais que permitirían coñecer outros lugares importantes na vida do escritor, converténdose en museos ao aire libre. Deste modo sería tamén factíbel a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural.
Esta posta en valor pode atender igualmente a crecente demanda de turismo alternativo e de calidade que convén ao noso país, complementando a oferta cultural que nas vilas, e particularmente no rural, tanto necesita o noso tecido hostaleiro, que se está convertendo nunha vía de emprego e de fixación de habitantes nas zonas con declive poboacional.
Desde a AELG contémplase como imprescindíbel achegar á sociedade os contidos xerados a través das novas ferramentas da información, nomeadamente internet, coa posta a disposición dos mesmos a través de mapas interactivos e visitas virtuais que conviden a unha visita ao espazo físico, real. Contidos que estarán proximamente na web da asociación a disposición dos visitantes.