O escritor e profesor Henrique Rabuñal intervén na Universidade Internacional Menéndez Pelayo dentro do curso consagrado ao 800 aniversario da Coruña para falar da relación entre a poesía galega e a cidade herculina. O acto é o venres 28 ás 16.30 da tarde na Fundación Luís Seoane e leva como título “A Coruña no espello dos seus poetas”.
Henrique Rabuñal é autor de dúas obras de temática coruñesa: Poemas coruñeses (2008) e A Coruña na historia (1999). Poemas coruñeses leva un prólogo do alcalde Javier Losada, foi editado dentro das actividades do proxecto “A Coruña 800” e contén unha antoloxía de poesía galega sobre a A Coruña de autores e autoras dos séculos XIX e XX, desde Rosalía de Castro ata Manuel Rivas.
Henrique Rabuñal é un dos autores do volume A Coruña á luz das letras, de recente publicación, no que múltiples autores actuais evocan a cidade do Faro.