Estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010

“O estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010, confeccionado cos datos achegados por unha mostra de 28 das 45 empresas pertencentes á Asociación Galega de Editores, ofrece unha panorámica completa do sector no pasado ano. Na nosa opinión, tres son os datos máis significativos ofrecidos: o emprego no sector diminuíu un 20% de 2008 a 2010; a edición aumentou un 8,2% no número de títulos e o 27,1% no de exemplares; a facturación diminuíu de 2009 a 2010 nun 8%.
EMPREGO
249 son os traballadores do sector. A diminución de emprego agudizouse en 2010, ano no que se perderon o 14% dos empregos directos e se reduciu case á metade o número de colaboradores profesionais externos. Froito da concentración e da externalización é a actividade comercial a que en 2010 reduce máis o emprego (18,8%).
EDICIÓN
En 2010 a edición privada aumentou en Galicia o número de títulos publicados, chegando aos 2.115, dos que 1.556 foron en galego (74%), 520 en castelán (24,6%) e 27 noutras linguas (1,4%). Outrosí sucedeu coa edición en galego que chegou aos 2.028 títulos -o que supuxo un aumento do 22,33%-, dos que 1.566 foron publicados por editores galegos (77,2%), 320 por membros da Asociación de Editores de Madrid (15,8%) e 139 polo Gremio de Editores de Cataluña (6,8%). É de salientar que o libro en galego sitúase por diante do editado en éuscaro (1.446 títulos), aínda que moi lonxe dos publicados en catalán (10.287), que continúan co seu crecemento espectacular.
O incremento de títulos editados en Galicia ten o seu correlato no aumento do número de exemplares. En 2010, os editores privados galegos fabricaron 3.361.000 libros, o que supón un crecemento do 27,1%, así como da tirada media, que se sitúa en 1.589 exemplares por título. Este aumento da edición reflítese no catálogo vivo dos membros da AGE que acadou os 13.269 títulos.
Con respecto ao volume de edición por materias é moi significativo o crecemento dos títulos de Divulgación, que pasan de 41 a 203, como tamén do seu número de exemplares fabricados, que aumenta de 87.000 a 414.000, cifras que explican, en boa medida, o crecemento do conxunto da edición do sector neste período.
A edición literaria en Galicia mantivo en 2010 os seus parámetros anteriores, supoñendo o 21% dos títulos e o 23,5% dos exemplares. É significativo o aumento da edición de Narrativa, tanto en títulos (297 en total), como en exemplares (que superán o medio millón); baixando pola contra o volume de edición de poesía e teatro, de forma importante. A Literatura Infantil e Xuvenil aumentou lixeiramente o seus títulos até chegar aos 491 (23,2%) e, tamén, os exemplares fabricados, 705.000 (21% do total). Pola contra, a edición de libro de texto baixa, tanto en número de títulos -pasa de 582 a 491 (23,2%)- como de exemplares producidos, 898.000 (26,7%). (…)” Vía Manuel Bragado. Tamén en Cultura Galega e La Voz de Galicia.