Entrevista a Fran Alonso en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se relaciona vostede coas novas tecnoloxías, está en Facebook, tuitea? ¿Que lle parece todo este entramado de banalidades?
– Fran Alonso (FA): Sempre sentín moitísima curiosidade e interese polas novas tecnoloxías. Creo que supoñen un potencial enorme para a comunicación. Fun dos primeiros escritores en ter blog e tamén dos primeiros en ter conta de Twitter. Con todo, creo que é preciso usalas e contemplalas con ollo crítico. É certo que hai moita banalidade, pero tamén é certo que conlevan unha capacidade de subversión inédita ata o de agora. Usémolas sen vanaglorialas. Sexamos conscientes do que son e non sexamos escravos delas. A min interésame moitísimo Twitter e bastante menos Facebook.
– LVG: ¿Ninguén é ademais un retrato dunha comunidade de veciños do século XXI?
– Fran Alonso (FA): Pode entenderse así, sen dúbida. Os personaxes de Ninguén constrúen unha metáfora do mundo que se centra na comunidade de veciños dun edificio calquera como paradigma das novas formas de relación. En Ninguén, e na vida real, percíbese a veciñanza a través das apariencias, polo que escoitamos a través das paredes, nos ascensores, cos ruídos. En realidade é un tipo de relación mediatizada, que é o que caracteriza ao século XXI, á vida urbana e ás novas tecnoloxías: relacionámonos pero nunca directamente, sempre hai algo que se interpón entre as persoas que se comunican. O mesmo sucede hoxe co poder. ¿Quen manda no mundo? Hai estruturas invisibles que se interpoñen entre os que mandan e nós. ¿Quen lles coñece as caras aos que manexan esta crise? (…)
– LVG: ¿Xa le en libro electrónico?
– FA: Teño unha certa biblioteca de libros electrónicos, aínda que maiormente en pdf, que leo en pantallas diversas. Creo que os escritores hoxe temos que ler en todo tipo de soportes, pero estou convencido de que o futuro xogará a favor da lectura en rede e das pantallas manexables.”