“Co ánimo de contribuír a acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza aos nosos escritores, así como de homenaxear ao ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, a Deputación provincial da Coruña, convoca o XXIV Premio de narrativa Torrente Ballester, de acordo coas seguintes:
Primeira.- Poderán optar ao premio todas aquelas persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que non obteñan o premio no cinco edicións anteriores a esta, e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en castelán ou en galego.
Segunda.- Outorgarase un premio único e indivisible dotado con 25.000 €, estando suxeita esta cantidade aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación. A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, reservándose durante dezaoito meses os dereitos de edición da mesma.
Terceira.- As obras serán de tema e extensión libres, podendo presentarse novelas, relatos e conxuntos de relatos. As obras presentaranse preferentemente en formato dixital: CD que incluirá na portada: XXIV Premio de narrativa Torrente Ballester, título da obra e unha lema, ou o pseudónimo da persoa que sexa a autora; o tratamento de texto será Word ou OpenOffice. No caso de optar pola presentación en papel, os orixinais enviaranse por duplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A 4, polas dúas caras, numerados, grapados ou encadernados. Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto cun sobre á parte; no exterior do sobre farase constar o título da obra e unha lema, ou o pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior incluirase unha copia do documento de identidade, dirección, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais se icluirá unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará ao día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 31 de xullo de 2012. Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre: XXIV Premio de narrativa Torrente Ballester.
Quinta.- Para a lectura da totalidade das obras presentada, será nomeada unha comisión de preselección, que estará composta por unha serie de expertos no campo da literatura, que seleccionarán aquelas que, segundo o seu criterio, reúnan a calidade suficiente para que ser valoradas polo xurado do premio.
Sexta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación e formarán parte do mesmo a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade, e sete acodes de recoñecido prestixio no ámbito literario. O xurado será nomeado polo presidente da Deputación e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que este delegue. A composición do xurado publicarase con anterioridade á súa reunión no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor os recursos legais pertinentes.
Sétima.- O xurado actuará en pleno, en sesión se é posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Aos efectos da validez da súa constitución, será de aplicación o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente. O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para resolvelo. O fallo do xurado terá lugar no cuarto trimestre do ano 2012 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, así como a través dos distintos medios de comunicación. A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Oitava.- Non se devolverán as obras presentadas non premiadas e a partir do día seguinte ao do fallo do xurado serán destruídas. A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte dos autores. Os participantes teñen a obrigación de comunicar á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión deste concurso.
A Coruña, 10 de febreiro de 2012.”