“Os alumnos de quinto curso de bacharelato do instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires puxeron en marcha este ano un premio de carácter anual que homenaxea a quen distíngase para achegar a cultura galega nas dúas beiras do Atlántico. Este ano os alumnos de máis idade do centro educativo da capital arxentina escolleron a Víctor Freixanes como primeiro merecedor deste galardón. As razóns do premio, que será entregado o xoves 19 de abril nas instalacións do Centro Galicia, foron xustificadas polos estudantes co argumento de que Freixanes é «un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico a prol da cultura galega». Lembraron as veces que o escritor participou en actividades da comunidade escolar «apoiando os traballos do centro educativo» e introducindo na súa realidade «a importantes figuras académicas e políticas da cultura» galega. Ademais de recoller o premio outorgado polos alumnos do Santiago Apóstolo, un instituto que se denomina galego-arxentino, Víctor Freixanes participa como director de Galaxia na Feira do Libro de Bos Aires, que comezou o pasado luns. Por primeira vez, unha editorial galega representa ao sector español nas mesas de debate. Neste caso, Freixanes participará nunha mesa redonda baixo o título A experiencia dos protagonistas, dedicada ás novas tendencias da industria editorial. (…)” Vía La Voz de Galicia.