Entrevista de Armando Requeixo a Antón Riveiro Coello no blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Empezo pola parte final. Xa sei que se adoita dicir que o noso país está cheo de poetas. Pois si. Está cheo, pero non envaidecerse diso sería como queixarse de que un bosque ten moitas árbores. Os problemas que teñen as nosas letras son ben sabidos. Un deles é a invisibilidade. Os nosos libros deberían ter moita máis presenza na prensa, na radio, na televisión, nas librarías, nos centros comerciais, nas bibliotecas… Hai como unha teima por unha parte da sociedade e da política en querer encovar a creación en galego, en ocultala. Se se producise esa visibilidade, co tempo aparecerían lector@s que consolidarían unha industria cultural moito máis poderosa, capaz de afrontar traducións, tanto de fóra para dentro coma de dentro para fóra. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ARC: Magnífica. Hai un nivel de altura. Á parte de fenómeno da poesía, sempre tan frutífero no noso país, ou da literatura infantoxuvenil, cunha ducia esplendorosa de autor@s traducid@s a outras linguas, nos últimos anos eu salientaría a consolidación dunha xeración de narradoras tan interesantes e diversas como Teresa Moure, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Inma López Silva, María Reimóndez, Eva Moreda, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga e moitas outras que veñen asentar as bases dunha normalidade sociolóxica que xa se facía necesaria. Se cadra, o ensaio e o teatro deberían ter máis presenza na edición, pero tampouco teño datos nin a certeza de que este déficit estea moi por debaixo doutras literaturas.”