Entrevista a Begoña Caamaño en Praza:
“Morgana irmá, amiga, amante. Muller libre que escolle o afecto como patria. Ser loitador que non está disposto a renderse, nin a renunciar a saber. Así é a protagonista de Morgana en Esmelle, a nova novela de Begoña Caamaño. A escritora e xornalista realiza con esta obra a súa achega á revisión galega da materia de Bretaña. Pero, alén do ronsel de Cunqueiro, opta pola relectura dos mitos en clave feminista como o fixeron Xohana Torres ou María Xosé Queizán. Para propoñer unha reflexión sobre a sociedade que queremos, sobre o poder que devén tiranía se non ten límites, se non se asumen as consecuencias dos actos de cada quen. (…)”