Ana Romaní: “Fronte ao individualismo que impera, Begoña Caamaño recuperou o colectivo como transformación”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Ana Romaní en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha das vantaxes de homenaxear unha figura contemporánea é que hai moitas persoas que coñecestes ben, en distintos momentos vitais e mesmo no momento que estaba inmersa no proceso de creación literaria, e resulta interesante coñecer o pouso que vos deixou, como era Begoña a nivel persoal e como iso se trasladaba transversalmente á súa biografía e á súa creación literaria. Así pois, como era Begoña?
– Ana Romaní (AR): Neste momento, para min, Begoña é unha grande ausencia. Percebes aínda ese oco dunha maneira emocionalmente moi forte. Para min, Begoña era unha figura dunha gran clarividencia intelectual. Boto en falla á súa análise do mundo. Gustaríame que estivese entre nos para poder seguir falando e escoitala como analizaba as realidades, como lía o que acontecía, o que nos está acontecendo neste momento. Boto en falla esa ollada e a lucidez da súa análise porque non quedaba na superficie. Era unha persoa moi exixente consigo mesma, moi perfeccionista. Nese sentido, a súa ollada sempre nos traía unha visión diferente. E iso bótoo moitísimo en falla en tempos tan complexos como estes que estamos vivindo.
E tamén, ao mesmo tempo, ese rigor, esa exixencia extrema na lectura do mundo, ía acompañada dunha certa esperanza, dun certo entusiasmo, dunha certa convicción utópica de que é posíbel a transformación e o cambio, de que as cousas non necesariamente teñen que ser así, que poden ser de outro xeito e que hai instrumentos para facelo así, para facer posible a mudanza. Nestes tempos nos que semella que non temos folgos, que temos unha certa percepción de ter que estar sempre a comenzar de novo, figuras como ela, con esa capacidade de análise e ao mesmo tempo de convicción en que é posible o entusiasmo e en que é posible a mudanza, pois fan moitísima falla.
– P: Esa análise para a acción ou esa reflexión para a acción, entendo que estaba presente no seu traballo como xornalista e creo que é unha boa definición do xornalismo ben feito. Pero está presente tamén na súa literatura. Aínda que se entrada pode dar a impresión de que as súas obras -que falan de mitos deconstruídos- non teñen moito que ver co seu labor como xornalista, creo en realidade non distaban tanto da súa actividade e da súa forma de entender o xornalismo: dunha reflexión para a acción e todo impregnado dunha ética e buscando sempre avanzar, non si?
– AR: Si, eu coincido niso. Creo que o xornalismo e a súa obra literaria están moi relacionadas e teñen un xermolo común. Penso que na xénese está o afán de saber, a curiosidade, está a pregunta; a interrogación como base e o obxectivo de transformación. En Circe ou o pracer do azul está claro, pero vexo aínda máis nítido en Morgana en Esmelle, que é unha novela profundamente política. De feito, ela díxoo en varias ocasións: ‘pretendo ofrecer vimbios para un cesto novo’. Ese estimular unha reflexión sobre a ética, sobre o sentido as cousas que facemos…, está nas novelas e por suposto está no seu xornalismo, no radiofónico e tamén no escrito.
Hai unha peza da que falo sempre, que é un artigo dela sobre Cabo Verde que é magnífico: sobre a situación do país, sobre o FMI, sobre o espolio dos países empobrecidos… e escrito ademais dunha maneira xornalística impecable. Dalgunha maneira nese artigo está xa por exemplo o programa radiofónico que foi o seu gran proxecto radiofónico: Andando a Terra, con esa vocación de transformación desde o coñecemento, dando instrumentos, xerando preguntas. (…)”

María Xosé Porteiro: “Begoña Caamaño foi unha xornalista que entendeu o oficio como servizo á cidadanía”

Entrevista de Raúl Salgueiro a María Xosé Porteiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Neste ensaio afonda na Caamaño xornalista. Cal era a súa mirada sobre o oficio?
– María Xosé Porteiro (MXP): Calquera lectura sobre Begoña Caamaño revela unha enorme coherencia. No xornalismo buscaba o mesmo que na literatura: quería mudar o mundo. Era unha revolucionaria no mellor sentido da palabra, unha persoa inconformista á que non lle gustaban as herdanzas obrigatorias. Nos seus primeiros anos, sobre todo en Vigo, fixo un xornalismo de rúa. Estaba nas manifestacións, correndo detrás da noticia, subindo a unha escaleira de bombeiros en folga para conseguir declaracións ou chegando á emisora co magnetófono baixo o brazo para entregar a crónica a tempo. Non había internet nin facilidades técnicas, pero ela tiña un enorme sentido da responsabilidade e unha intuición moi clara sobre os tempos da radio. Preocupáballe a xente común. Era unha muller do pobo, que tivo a oportunidade de estudar e de traballar, e que quixo contar tanto o que vía como o que desexaba que acontecese.
– ND: No seu ensaio relata a relación de Caamaño con Vigo e Compostela. Que simbolizan ambas as cidades na súa vida?
– MXP: Son, dalgún modo, alfa e omega. En Vigo desenvolveu esa etapa máis de xornalismo de rúa, nunha cidade moi convulsa e en plena transformación social nos anos oitenta. Era unha época de movemento constante e dunha enorme intensidade informativa.
En Santiago chega unha etapa máis estábel no terreo laboral, pero tamén máis centrada na súa gran paixón: a cultura. Ademais do traballo na radio, hai unha dimensión moi importante da súa traxectoria ligada aos artigos, ás colaboracións en medios como A Nosa Terra ou Festa da Palabra Silenciada e aos discursos internacionais nos que representou o feminismo nacionalista galego.
Eu sempre digo que un discurso de Begoña Caamaño era ao mesmo tempo unha peza literaria e unha peza xornalística. Tiña unha capacidade extraordinaria para explicar asuntos moi complexos, polos en contexto e propor unha mirada ética sobre eles. (…)”