Entrevista de Diego Pardo Amado a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Canto á súa extensa obra ¿qué libro lle devolveu máis?
– Mercedes Queixas (MQ): O primeiro e o último [responde con determinación]. Os trobadores do Reino de Galiza foi acordar a unha experiencia nova e moi bonita, con moitísimas viaxes por centros de ensino e do que se chegaron a vender vinte mil exemplares.
– LVG: ¿E o último, por que?
– MQ: Vivir, unha aventura irrepetíbel foi o libro en que traballei máis tempo e con maior intensidade. Todos os sábados durante dous anos viaxei a Vigo para entrevistar a María do Carme Kruckenberg, que ten moita vida que contar. Ademais, ao ser unha biografía acerca dunha escritora viva, foi diferente ao que fixera ata o momento. (…)
– LVG: ¿Coñécese suficientemente o labor da AELG?
– MQ: Probablemente non todo o necesario, mais nos últimos anos entrou algo máis na sociedade, sobre todo como instrumento do colectivo de escritores e escritoras. Era necesario unha páxina web que contase con honorarios orientativos para os profesionais da literatura.
– LVG: ¿Entón teñen claro que hai que estar na redes sociais ou non se está no mundo?
– MQ: A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega debe estar onde está a sociedade. Esa foi a razón pola que puxemos tanto empeño na páxina web e nas redes sociais. A min abráiame o número de visitas que recibimos, moitas delas de países ben afastados da nosa realidade. (…)”