Mario Regueira: “A crise é unha guerra económica contra unha parte da poboación á que se tenta culpar con mentiras”

Entrevista a Mario Regueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Un dos personaxes principais de Outono aquí, Guillerme, non é quen de enfrontarse ao seu propio pasado. Algo semellante pasaba en L’affiche rouge: persoas que fuxían da súa realidade… Por que?
– Mario Regueira (MR): Cando concibo as novelas non vexo tanta continuidade, pero é certo que a xente notou iso, e que se cadra poño o foco en personaxes que tentan solucionar os seus conflitos internos, atopar o seu lugar, acomodar o peso do seu pasado cunha perspectiva incerta do seu futuro… Non é algo feito a mantenta de modo consciente, pero si é certo que no meu modo de entender a narrativa ten que ver con darlle moita importancia a eses conflitos internos. (…)
– P: Teresa Moure propón unha visión queer da literatura galega. E cita como un dos exemplos desta perspectiva a túa obra. É certo que a homosexualidade está presente en todos os teus libros, con ese enfoque de superar os binomios dominantes, non si?
– MR: É certo que eu teño unha aposta persoal, e política, de visibilización desa realidade, e de creación dun discurso sobre ela. Porque os seres humanos somos ricos en experiencias, non somos ou branco ou negro, non ten sentido encasillarnos. Aínda que se consideras o que é o queer fóra de aquí, tampouco é tan doado encaixar os meus libros niso, pois está presente máis ben en tramas secundarias… (…)
– P: O silencio é o título do teu novo poemario. Aínda que o silencio e as súas consecuencias están moi presentes no resto da túa obra, non si?
– MR: No caso de Silencio é en concreto a pausa entre os bombardeos. Nas guerras non todo son bombas, non todo é tan ruidoso e evidente, pero hai cousas que ocorren en silencio e producen un efecto tan malo ou peor. E se cadra todo iso é hoxe máis verdade que nunca. A crise é unha guerra económica que se fai contra unha parte da poboación á que se pretende culpar con mentiras, con ideas vagas como que “vivimos por enriba das nosas posibilidades”. En realidade é todo unha gran agresión de banqueiros, políticos… Ninguén nos está bombardeando, pero chegará un día en que lembraremos o que está a pasar como lembraron os nosos pais e os nosos avós os escenarios de despois da guerra. (…)”