Comunicado da Fundación Castelao trala declaración de Ben de Interese Cultural que vén de outorgarlle o Consello da Xunta á Casa de Castelao:
No día de hoxe o Consello da Xunta vén de aprobar un decreto polo cal declara Ben de Interese Cultural, na categoría de “Sitio histórico”, a casa familiar dos Castelao en Rianxo.
A Fundación Castelao quere aproveitar esta ocasión para felicitarse por este acordo que servirá para mellor protexer unha casa que foi referente para o propio Castelao ao longo de toda a súa vida. Dna Teresa Rodríguez Castelao, Presidente de Honra desta Fundación, ata o seu pasamento en marzo do 2.000, gardouna tal e como Castelao a lembraba no seu exilio de Buenos Aires onde morreu o 7 de xaneiro de 1950. Alí conservou cadros, fotos, debuxos, cartas e todo canto de seu irmán puidou atesourar ao longo da súa centenaria vida.
A Fundación Castelao quere manifestar o seu agrado por esta decisión e pon de manifesto a necesidade de que esta declaración sexa o punto de partida para unha recuperación total da obra, o espírito e o legado enteiro de Castelao para coñecemento de todos os galegos e galegas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é quen mellor retratou a alma dos galegos. Sabendo das necesidades que Galicia tiña entregou a súa vida enteira á causa da dignificación dos máis humildes.
No decreto arguméntase que na biografía de Castelao “a casa familiar de Rianxo significou o punto de ida e permanente retorno, o lugar que foi entendido popularmente como un santuario de galeguidade, e así se entendeu sempre nos ámbitos culturais e sociais de Galicia. O domicilio familiar constituíu a súa referencia fixa na súa vila natal, e consecuentemente existía unha estreita identificación, privada e pública, de Castelao con aquel”. Para suliñar isto que se recolle no decreto queremos reproducir unhas palabras de Ramón Otero Pedrayo escritas ás irmás, Teresa e Josefina, con motivo do falecemento de Castelao: “A vdes toca ser los ángeles guardianes de esa casa y ese recuerdo que estará viviente en el ama de Daniel”. Estas palabras de Ramón Otero Pedrayo dirixidas en 1950 a Teresa e Josefina Rodríguez Castelao ecoan agora en nós e demándannos un compromiso na salvagarda do pensamento e a obra de Castelao.
Parabéns aos Rianxeiros e con eles a toda Galicia!