Rianxo: presentación de Sete palabras

O libro de Suso de Toro Sete palabras será presentado este venres 29 de xaneiro ás 20:30 no auditorio de Rianxo. No acto estarán presentes o autor; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; o académico, investigador e Premio Barbantia da Cultura Galega 2009, Xosé Luís Axeitos; o director de Xerais, Manuel Bragado; e mais o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro.

Rianxo: presentación do libro de Xosé Manuel Lobato

Este venres 5 de xuño ás 20:30 preséntase o libro Retorno a Natura de Xosé Manuel Lobato no Salón de Actos do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo. Participan na presentación Pedro Piñeiro Hermida, Xesús Costa (historiador), Henrique Alvarellos (editor), Alfonso Martínez (ilustrador) e o propio autor. Para rematar o acto plantarase unha árbore no Parque Galicia. Previamente, as 18:00 h desenvolverase un obradoiro de comic a cargo do ilustrador Alfonso Martínez destinado principalmente a nenos/as e mozos/as.

O Consello da Xunta declara a Casa de Castelao Ben de Interese Cultural

Comunicado da Fundación Castelao trala declaración de Ben de Interese Cultural que vén de outorgarlle o Consello da Xunta á Casa de Castelao:

No día de hoxe o Consello da Xunta vén de aprobar un decreto polo cal declara Ben de Interese Cultural, na categoría de “Sitio histórico”, a casa familiar dos Castelao en Rianxo.
A Fundación Castelao quere aproveitar esta ocasión para felicitarse por este acordo que servirá para mellor protexer unha casa que foi referente para o propio Castelao ao longo de toda a súa vida. Dna Teresa Rodríguez Castelao, Presidente de Honra desta Fundación, ata o seu pasamento en marzo do 2.000, gardouna tal e como Castelao a lembraba no seu exilio de Buenos Aires onde morreu o 7 de xaneiro de 1950. Alí conservou cadros, fotos, debuxos, cartas e todo canto de seu irmán puidou atesourar ao longo da súa centenaria vida.
A Fundación Castelao quere manifestar o seu agrado por esta decisión e pon de manifesto a necesidade de que esta declaración sexa o punto de partida para unha recuperación total da obra, o espírito e o legado enteiro de Castelao para coñecemento de todos os galegos e galegas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é quen mellor retratou a alma dos galegos. Sabendo das necesidades que Galicia tiña entregou a súa vida enteira á causa da dignificación dos máis humildes.
No decreto arguméntase que na biografía de Castelao “a casa familiar de Rianxo significou o punto de ida e permanente retorno, o lugar que foi entendido popularmente como un santuario de galeguidade, e así se entendeu sempre nos ámbitos culturais e sociais de Galicia. O domicilio familiar constituíu a súa referencia fixa na súa vila natal, e consecuentemente existía unha estreita identificación, privada e pública, de Castelao con aquel”. Para suliñar isto que se recolle no decreto queremos reproducir unhas palabras de Ramón Otero Pedrayo escritas ás irmás, Teresa e Josefina, con motivo do falecemento de Castelao: “A vdes toca ser los ángeles guardianes de esa casa y ese recuerdo que estará viviente en el ama de Daniel”. Estas palabras de Ramón Otero Pedrayo dirixidas en 1950 a Teresa e Josefina Rodríguez Castelao ecoan agora en nós e demándannos un compromiso na salvagarda do pensamento e a obra de Castelao.
Parabéns aos Rianxeiros e con eles a toda Galicia!

Rianxo: presentación do Premio García Barros 2008

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo presentan o libro gañador do Premio García Barros 2008, Shakespeare destilado, de Xesús Constela. O acto terá lugar o venres 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, e estarán presentes o autor; o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello; e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida.