“O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, asinou en Lugo un convenio co presidente da Radio Lugo-Cadena SER, Julio Beberide Martínez, para a cesión das máis de 1.000 voces que compón o proxecto O son da nosa fala. 1.000 voces para Celso Emilio Ferreiro. A rúbrica materializouse nun acto no que tamén estiveron presentes o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro; o concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao, e o fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro. O Grupo Radio Lugo, a través dos profesionais Paco Nieto e Tania Lombao, impulsa un proxecto de promoción cultural e lingüística con motivo da celebración neste 2012 do centenario do nacemento do escritor de Celanova Celso Emilio Ferreiro. A través desta iniciativa, as ondas da Cadena SER na provincia de Lugo emiten diariamente un mínimo de tres poemas ou pezas biográficas sobre o autor, recitados por persoas da esfera política, cultural e social de Galicia, así como por persoas anónimas e xente procedente de máis de vinte países de todo o mundo. A sinatura do convenio foi un acto simbólico en que a Radio Lugo cedeu un CD cunha mostra de cincuenta poemas, mais que se materializará no mes de xaneiro, cando a emisora decana de Lugo doe a totalidade de arquivos que sexan emitidos até o último día deste ano.” Desde La Opinión.