Pere Tobaruela: “Propoño un debate arredor do mundo da edición”

Entrevista a Pere Tobaruela en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿De onde xurde a idea da novela por entregas [Sempre perden os mesmos]?
– Pere Tobaruela (PT): Dunha reflexión sobre o momento da literatura galega. Custa que público en xeral merque narrativa para adultos. Quitando un par de excepcións, como poden ser Os fillos do mar ou os premios Xerais, non é doado que un libro en galego pase da primeira edición. Penso que hai algo que non funciona ben, e é unha crítica que estendo a min mesmo. Non conseguimos enganchar co lector ou ben o público non está afeito a ler en galego. Así que decidín saír pola tanxente: aquí non hai a escusa do prezo, trátase dunha novela por entregas, de balde, que segue a idea decimonónica que xa usaban algunhas revistas en Inglaterra.
– LVG: E funciona?
– PT: Fíxeno máis por intuición que por convencemento. O día 23 saíu o primeiro capítulo e, cada venres, engadirei un novo, así durante doce semanas. O contador que inclúe o blog xa leva máis de mil visitas, iso dá idea de que está a ter boa resposta, é unha iniciativa que esperta curiosidade.
– LVG: E economicamente resulta?
– PT: Non é unha ruína. Eu estou vendendo a marca, a Pere Tobaruela. Evidentemente, as miradas curtopracistas poden pensar que non saco rendemento económico, pero quen sabe, nun futuro (…)”