Parlamento das Letras: Víctor F. Freixanes

Entrevista de Armando Requeixo a Víctor Fernández Freixanes no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Víctor Freixanes (VF): Ás veces falta ambición. A ver se me explico… Cando o escritor (ou escritora) escriben, sexa en galego ou en calquera idioma, deben facelo contra o mundo, ou pensando no mundo, non para a pequena parroquia. Desgraciadamente traballamos demasiadas veces para a parroquia, para gratificar a parroquia, para compracela e sentirnos aloumiñados por ela (porque ir por libre é moi ingrato e ás veces recibes de todas partes). Na miña opinión, iso empobrece o escritor. Eduardo Blanco Amor foi sempre por libre. Velaí a súa obra e as críticas que recibiu en vida, mesmo de moitos que agora o levan de aquí para alá enriba dunha peaña. Rosalía de Castro tamén ía por libre, alén das artes e manobras de Manuel Murguía… O escritor, ou escritora, deben saber que escribindo en galego escribimos para medirnos con Shakespeare, con Cervantes, con Schiller, con John dos Passos, con Faulkner, con Jorge Amado, con Borges, cos máis grandes, clásicos ou contemporáneos, porque os nosos lectores len tamén fóra da parroquia e a literatura ten sentido se, dende a propia identidade, sabemos facela universal. Tan importante para un escritor ou escritora galegos é Rosalía, Castelao ou Otero Pedrayo coma Dante, Virxilio, Stendhal ou Rulfo. Todos estamos no mesmo universo, cocémonos no mesmo caldo, cheo de interferencias. Enriquecémonos e contaminámonos mutuamente. Ninguén é unha illa, dicía o poeta John Donne.
Se cadra esta é unha das eivas da literatura que estamos a facer: pensamos moito nos nosos pequenos currunchos privados, que ás veces son esferas de supervivencia particular; quedámonos no pequeno curruncho de afiliados simpatizantes e incondicionais (que logo non son tan incondicionais) e pensamos pouco no conxunto da sociedade (tamén da sociedade galega) que é plural e esixente. Menos etiquetas, menos discursos politicamente correctos, menos receitas previsibles e santificadas, menos amiguiños nos que protexernos e máis ambición. Estamos no tempo. Nunca tanta produción houbo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– VF: Moi plural, moi aberto, como dixen antes. Hai trinta anos todo era “sota, cabalo e rei”. Fóra de Cunqueiro, Blanco Amor, Otero, Castelao, Neira Vilas e algunha outra cousa apenas saïamos da resistencia. Afortunadamente, hoxe a literatura galega amosa unha pluralidade de rexistros que confirman a súa modernidade a todos os efectos. Tamén hai unha produción maior. Para que xurdan picos de excelencia cómpre dispor de bases cuantitativas que os sosteñan e infraestruturas empresariais que os activen e difundan. Unha parte moi importante da miña vida profesional e mesmo da miña actividade intelectual foi nesta dirección: participar activamente na creación de infraestruturas e modelos empresariais de produción cultural para o noso país, sen os cales non hai futuro posible.
Coido que avanzamos bastante. Pero os desafíos tamén son moi fortes: a globalización, os novos consumos, novos valores, novas tecnoloxías, crise financeira, crise económica,. crise demográfica… Vivimos na tormenta perfecta. Mais seguimos carecendo dun proxecto político eficaz, quero dicir: capaz de activar e mobilizar unha maioría suficiente da nosa sociedade, que asuma a identidade do país e os desafíos do seu futuro. Esta é unha reflexión non estritamente literaria, pero que afecta tamén á literatura, á creación, como afecta a todo. Sen lectores non hai literatura, dixen antes. Os lectores son a sociedade. Sen sociedade civil activa, comprometida, ilusionada, mobilizada, non hai país, mellor sería cerrar a tenda.
A xente nova é un territorio que se cadra non estamos a coidar abondo ou coa intelixencia necesaria. Penso nos pais e as nais que non falan galego cos fillos e están a romper a cadea de transmisión afectiva e biolóxica. Penso nas nosas institucións, desorganizadas ou faltas dunha coordinación necesaria, instaladas ás veces no minifundismo. Penso nos nosos políticos, encerellados en guerriñas cativas e nas oficinas de colocación particulares, sen dar co denominador común necesario. Penso na nosa burguesía (das dez primeiras fortunas de España cinco son galegas) que mira para outra parte. Penso nos desafíos da tecnoloxía e da globalización. Penso na demografía… Hai razóns abondo parta ser pesimista. Pero eu non estou por esas. Demasiado cómodo. O máis fácil, intelectualmente, é deixarse levar pola catástrofe do diagnóstico. O difícil é construír, propoñer, crear, imaxinar… Tamén hai razóns para empuxar deste lado: a creatividade da xente, o milagre dun país que segue vivo a pesar da lei da gravidade, o pulo da xente nova, a iniciativa dos que andan por fóra buscando a vida por libre, a potencialidade dos recursos naturais, a identidade (que é un activo impagable)… Lonxe de abaixarnos, isto debe esixirnos máis, obrigarnos a facer autocrítica, e quen non entre por estas e siga a teimar no seu curruncho particular (oficina de colocación) saquémolo de diante. Demos pasos importantes. Pero necesitamos estratexias de unidade, accións compartidas (mesmo cos que non pensan coma nós), unha placa para botarlle xuntos ao edificio, un pacto histórico xeneroso, intelixente… Hai unha chea de cuestións que o esixen: a educación, a lingua, a cultura, o medio natural, a organización do territorio, a ciencia e a tecnoloxía etc. A ambición á que me refería antes é moi necesaria.
Ambición non é o mesmo que cobiza. A ambición é lexítima, universal, aberta, estimula ou debe estimular a creación e a imaxinación. A cobiza é miserable, pataqueira, tende ao sectarismo, desconfía de todo o que non é seu, mata a sementeira nova… Todo isto, aínda que non o parece, está moi presente nas miñas novelas.