Fina Casalderrey: “A educación e unha conquista da democracia que se nos está esvaecendo coma fume de cabicha”

Entrevista a Fina Casalderrey en Praza, por Montse Dopico:
“(…) – Praza (P): Serás a quinta muller académica na Real Academia Galega. Cal cres que é o motivo de que sexades tan poucas?
– Fina Casalderrey (FC): A Academia, de certo foi cousa de homes porque a sociedade tamén o foi. Quero crer que as cousas irán mudando pouco a pouco. Se facemos fincapé na desproporción entre o número de mulleres e homes, as cifras falan soas: de trinta membros numerarios, na actualidade, tan só cinco son mulleres, dun total de seis en toda a historia da Academia dende os inicios. A cousa non é como para botar foguetes! Pero creo que hai dende dentro un desexo de que estas cousas muden. (…)
– P: Fuches escollida polo que representas na Literatura Infantil e Xuvenil galega que, segundo dixeches, reivindicarás no teu discurso de ingreso. Segue a ser necesario explicar que a LIX non é literatura menor?
– FC: Vaia… en realidade polo que fun escollida non o sei. En todo caso estou, por suposto moi agradecida porque o tomo coma un recoñecemento á literatura que chamamos Infantil e Xuvenil, á LIX, e mesmo á xente do ensino, que tanto labor leva desenvolvido, e segue a desenvolver, pola normalización da nosa lingua. Neste momento non podo dicir moito máis porque me falta ese necesario pouso da reflexión e a experiencia dende o outro lado. En canto a se creo que é necesario insistir nesta reivindicación da LIX, creo que cada vez un chisco menos, pero mentres, poño por caso, esta pregunta se siga a formular, significa que aínda queda moito por reivindicar. E, por poñer un exemplo, nos 35 anos dos premios da crítica, cando menos, nas bases xa aparece contemplado que a LIX entra, pero na realidade, só en dúas ocasións tiveron a ben premiar unha obra xuvenil (1995 e 2012). Mesmo hai que me ten preguntado se me conformo co prestixio acadado na LIX ou me atrevo a dar o salto. Aceptar ese conformo sería dar por feito que a LIX é inferior, que non chega á categoría absoluta de Literatura. Non sei se a LIX xoga en Segunda División, como tamén se me ten formulado, ou se se trata de algo aínda máis complexo, e xoga noutra dimensión. Nunha dimensión aínda abondo descoñecida, malia os esforzos de parte do profesorado de filoloxía ou maxisterio, dos cambios ao convertela en materia obrigatoria en Infantil. Conste que cada vez négana menos porque se coñece máis. Descobren que Risco, Saramago, Rivas… tamén se mergullaron nela… ou xente como Marilar ou Manuel Lorenzo González que lle dedican a vida a ambos rexistros. (…)
– P: Levas publicados máis de trinta libros, moitas veces máis dun ao ano, sen contar as traducións a seis ou sete linguas. Como traballas? Ademais tes moitos e importantes recoñecementos, como o feito de ter sido nomeada candidata ao Astrid Lindgren dúas veces. Sentes recompensando o teu traballo?
– FC: Si, síntome moi afortunada en recompensas. Van alá máis de 50 libros, máis os que están editados en volumes colectivos… Pero é porque son moi maior, e algún deles ten poucas páxinas, deses que son, ou intentar ser, coma o salpicón de marisco, con todo o rico, pero sen cascas. A recompensa máis grande é cando atopas con lectores, lectoras emocionados, que fan medrar as historias coa súa ollada de luz. (…)”