Convocado o XX Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey

O Concello do Grove convoca a XX edición do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, galardón literario convocado desde 1992, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores, a través dun convenio coa editorial Sotelo Blanco. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora pola editorial Sotelo Blanco.
Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega. As bases, que se poden consultar na páxina web do Concello do Grove, establecen o prazo límite de presentación dos traballos o 15 de agosto.
Os textos han ter unha extensión mínima de cincuenta páxinas e máxima de cen, en folio din A4, de dou mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, espazamento entre liñas de 1,5 e as follas deberán de estar paxinadas.
O xurado estará composto por cinco persoas especialistas en literatura. Un deles será o gañador da edición anterior do premio, que é Juan Tallón pola obra Fin do poema, dúas persoas nomeadas polo Concello do Grove, e os dous restantes participarán en representación de Sotelo Blanco Edicións. O premio é único e outorgarase por maioría simple dos votos.