Entrevista de Montse Dopico a Francisco X. Fernández Naval en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai algunha conexión entre A noite branca e a túa anterior novela O bosque das antas, como nomes que aparecen nas dúas. Por que?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): Pois pola vontade de recuperar nomes, espazos… Quería ampliar e darlle máis perspectiva a un espazo que xa tratara literariamente. Por iso hai continuidade en personaxes como os de Claudio ou Encarnación.
– P: A técnica narrativa non é fácil: vanse alternando as voces… Por que optaches por esta estrutura?
– FFN: Falan en primeira persoa María Luísa, a nai de Alfredo, e Marcos, que é quen reconstrúe a súa historia e a do seu fillo. Despois hai 24 personaxes que narran o que lles ocorre a outros. Non foi dado dar coa estrutura axeitada para a novela. De feito pelexei moito con ese aspecto. Levaba xa dous anos dándolle voltas: un día dinlle un ultimato e entón pensei na estrutura que ao final levou, que creo que permite distinguir ben as voces. Pretendín ademais que se notase ben a diferencia, utilizando estilos distintos segundo quen fala. O narrador do fronte de batalla conta as cousas do modo máis obxectivo posible. María Luísa adopta un ton subxectivo, e Marcos dialoga con alguén, que pode ser o lector. E logo están tamén as cartas de Alfredo. (…)
– P: E iso é o que nos contan tamén eses 24 personaxes, voces que falan a través de outras.
– FFN: Son personaxes distintos, e para construílos apoieime na xente que coñecín na viaxe que fixen en autocaravana percorrendo o mesmo camiño que fixo a División Azul no 1941. No certificado de servizos de Alfredo está o nome das batallas nas que se distinguiu e, claro, eu tiña que ir alí. A verdade é que tiña reparos en contar escenas de guerra. Eu vin moito cinema bélico e tiña medo de acabar facendo un refrito de películas de guerra. Por iso tratei de documentarme ben: como loitaban os rusos e os alemán… Non quería traizoar as emocións que pode sentir un soldado, e eu nunca estiven nunha guerra así que tiña que averiguar como se sentían… O de poñer eses 24 personaxes como elementos intermedios entre os soldados e eles foi un xeito de conseguir un distanciamento, sen perder a emoción. Son personaxes que contan o que ven. (…)”.