No Centro Social Madia Leva principia o ciclo de conferencia dentro dos actos da Mes da Lingua. Este venres 22 de maio ás 20:30 Carlos Varela Aenlle, académico da RAG e presidente da Asociación Abertal do Eo-Navia, falará da situación do galego en Asturias.
A Asociación Abertal do Eo-Navia vén de sacar á luz un informe lingüístico que reivindica que o galego é a lingua que se fala neste zona limítrofe entre Galiza e Asturias. Nel faise unha comparanza co galego e o asturiano e vese que as falas eonaviegas teñen un 86% de proximidade co galego. A nosa lingua na comarca do Eo-Navia sofre os continuos ataques da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) que identifica identidade con lingua e asegura que as falas eonaviegas son asturiano. Carlos Varela denuncia que o asturianismo actúa como un boicote. Esnaquiza calquera cousa referida á cultura galega como a gaita ou a mitoloxía. Todo o que ula a galego estase a eliminar. Esta persecución vese alimentada tamén por medios como La Nueva España. Abertal ten como fin a consecución da cooficialidade da lingua galega de Asturias como riqueza indiscutíbel do patrimonio cultural asturiano e a súa vez servir de ponte e instauración de relacións con todo o mundo cultural galego-portugués do que sen dúvida se considera e fai parte.
A conferencia celebrarase este venres 22 de maio ás 20:30 no Centro Social Madia Leva! (Rúa Amor Meilán,18, Lugo).