Desde Cultura Galega:
“Centos de escolares están a pasar estas semanas polo Salón Teatro de Santiago de Compostela. Alí asisten á representación de Touporroutou da lúa e do sol, unha das obras que vidal Bolaño escribiu a pensar nun público familiar. Non foi a única, o autor homenaxeado nas letras galegas deste ano desenvolveu de xeito consciente un importante traballo dirixido a este tipo de público.
Son varias as obras que Roberto Vidal Bolaño escribiu orientadas a todos os públicos. Antes do que traballos centrados nos máis novos, os estudosos da súa obra coinciden en sinalar que se trata de textos complexos, que as crianzas poden gozar plenamente pero que deixan a porta aberta a múltiplas interpretacións para os maiores. Así, non é de estrañar que o homenaxeado no Día das Letras preferise falar de teatro familiar antes de que teatro infantil. Eduardo Alonso, director da versión actual do Touporroutou da lúa e sol e antigo compañeiro de Bolaño en Teatro do Estaribel, sinala que “o teatro familiar, tanto o pensado para escenarios como o de rúa, é unha parte moi importante do traballo de Vidal Bolaño”. Segundo con quen falemos, o número de obras que se poden considerar “teatro familiar”, varía. “Hai cando menos catro ou cinco que son especificamente para todos os públicos, ás que se teñen que sumar tres ou catro de teatro de rúa pensadas para un público de paseantes”, explica Alonso. (…)”