Bases do VII Premio Vidal Bolaño 2024

“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”

BASES

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser lidas e interpretadas por alumnos e alumnas de ensino secundario, de 12 anos en diante.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais comeza unha vez publicadas as presentes bases e remata o 31 de xaneiro de 2024.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. O ENVÍO farase a través de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
8. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, ás novas linguaxes contemporáneas e á singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer, nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, na semana das Letras galegas, sobre o 17 de maio de 2024.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
11. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
12. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”

Compostela: “Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela”, do 29 de setembro ao 1 de outubro

Compostela: actividades do 18 de xuño na SELIC 2023

Compostela: actividades do 11 de xuño na SELIC 2023

Vicente Piñeiro gaña o Premio Laudamuco de textos teatrais

Desde Cultura Galega:
“Vicente Piñeiro González (Lugo, 1954) vén de facerse co Vº Premio Laudamuco de textos teatrais, convocado polo Concello de Brión e Edicións Positivas. A obra premiada leva por título Devólvenos ao Xermánico, baseada na figura do xeneral romano Xermánico, pai de Calígula, sobriño neto de Augusto e sobriño de Tiberio, que o adoptou como o seu sucesor. O autor recollerá o seu galardón e os 7.000 euros cos que está dotado, o vindeiro 16 de maio, a coincidir co corenta e catro aniversario da posta en escena da obra Laudamuco, señor de ningures de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002) , a quen se busca homenaxear e lembrar coa convocatoria deste certame. Piñeiro González ten unha traxectoria de libros de narrativa baseados en situacións e personaxes da nosa Historia. O texto será posteriormente editado por Edicións Positivas.”

Bases do VI Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño


“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”

BASES

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega. Agás as persoas gañadoras das dúas edicións anteriores.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou coa gañadora o correspondente contrato de edición.
5. Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais remata o 30 de abril de 2023.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do/a autor/a. O ENVÍO farase a través de correo postal ao enderezo:

IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño),
especificando no sobre VI Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.

8. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer, nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, o 30 de xuño de 2023.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o/a autor/a deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
11. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
12. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”

Compostela: Xornada Roberto Vidal Bolaño. Fálanos sempre

Compostela: Procesión da Santa Bolaña 2018, o 22 de decembro

“Este sábado 22 de decembro, á partir das 17:00 h. da tarde, regresa a Procesión da Santa Bolaña, en celebración dramática do solsticio de inverno, con vía crucis teatral polo casco vello de Santiago.
A procesión da Santa Bolaña, partirá, como é tradición, do local da Asociación de Veciños “As Brañas de Andrés”, nos Pelamios. Acompañada por unha tropa de músic@s, acróbatas, gallofeir@s e fieis devot@s a entoar cantigas e ladaíñas en honra da santa, a procesión percorrerá logo as rúas do casco vello compostelán, facendo parada dramática en catro locais senlleiros da cultura local: o Centro Socio-Cultural “Gentalha do Pichel”, a Casa do Matadoiro, o Cantón de San Bieito, e a Nave Sete da Praza de Abastos.
Provista dun bocoi de viño, da vella e romana casta do Ribeiro, de xeito a saciar a sede e estimular o canto de devotas e devotos, a procesión honrará todas as tabernas e antros de malvivir que lle saian ao paso. E aquecidos no místico transo, celebrará en éxtase a rifa da Santa, na que se ofrecen gorentosas viandas culturais ao afortunado ou afortunada devota a quen lle caiba tal sorte, legadas xenerosamente por entidades culturais da cidade como as librarías Pedreira, Chan da Pólvora, Os mundos de Carlota, Lila de Lilith, o laureado escritor Carlos Meixide, Edicións Positivas, Numax, Teatro Principal, Triskel e Queroté.
Nas catro paradas deste vía crucis dramático serán oficiados os catro Misterios Teatrais previstos para esta edición, coa participación do público presente orientado polos confrades maiores deste ano: Zé Paredes, Mónica Caamaño, Lucho Penabade e Esther F. Carrodeguas, rematando o paso no vestíbulo do Teatro Principal, coa lectura colectiva, a xeito de coro grego, do manifesto poético-dramático da procesión.
A xeito de doazóns á Santa, recolleranse no libreto sacro da procesión editado por Edicións Positivas, diversos textos ofrecidos por dramaturgas e dramaturgos galegos como Esther F. Carrodeguas, Ana Carreira, Roi Vidal Ponte, Mónica Caamaño e o Grupo Oportunista de Drama G.O.D. “Flavia Antonia”, polo prezo de 5 euros.”