Xabier López: “O mundo reinvéntase con cada libro”

Entrevista a Xabier López no Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O punto de arranque de Cadeas é a anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que está a ler unha novela súa. Trátase dunha experiencia real? Que tipo de curiosidade se suscita en Vde. ante a presenza dun descoñecido que está a ler un libro seu?
– Xabier López (XL): Non, non é unha experiencia real, aínda que podería entrar dentro do posible. Na fin de contas, cando un suma xa algún anos no asunto, sabe que circulan por aí certo número de exemplares co seu nome na capa. Porén, quitando as presentacións e os actos públicos é ben estraño ver alguén cun libro dun entre as mans. Non sendo que sexas un deses best-seller que rematan por poñer a lei de probabilidades da súa parte, claro. Polo demais, un arranque como ese non deixa de ser unha das moitas materializacións dunha pescuda –consciente ou inconsciente- que emprende o escritor dende o primeiro: a busca do lector, do seu lector tipo, a outra “peza” do invento. Outra cousa é, e con isto contesto a segunda parte da pregunta, que toda busca responda en verdade a un desexo real de atopar o que se persegue. De darse o caso, con toda certeza reaccionaría cun pudor extremo. E marcharía na punta dos pés, case seguro. (…)
– FdV: Coa obtención do Premio Xerais, copa Vde. un bo feixe de premios conseguidos ata o de agora. Os premios son fundamentais para a boa saúde da literatura galega actual ou ben se podería prescindir dalgúns deles?
– XL: Ben, iso de “copar” non creo que sexa exactamente así. Certo que houbo temporadas da miña vida nas que houbo certa “acumulación” de premios, mais hai que pensar que xa levo máis de quince anos publicando. E nese tempo, como é de imaxinar, houbo de todo; novelas premiadas e outras que, a non levar premio ningún, obtiveron outro tipo de recompensas: lectores, traducións a outras linguas… Polo demais, creo que os premios literarios son estímulos tan bos coma calquera outros para a promoción dun escritor e, por extensión, do sistema literario onde se inscribe. Faltan, iso si, máis axudas a un sector, o editorial, obrigado a ver como os poderes públicos se esquecen de que as industrias culturais xeran tanta riqueza ou máis que outras que si merecen de vello a súa atención. Para cando, poño por caso, un plan “Pive” para o mundo do libro e a lectura?
– FdV: Cando Vde. gañou o Xerais, declarou que Cadeas reflectía ese obxectivo seu de que a literatura “comezando pola forma, é ou debe ser sempre algo máis”. “Algo máis” qué? É que acaso, salvo contar novas historias, queda algo por inventar en literatura?
– XL: Nada queda por inventar, certo. Pero os lectores sabemos que o mundo se reinventa con cada libro novo que abrimos. Sobre todo naqueles que nos teñen por suxeitos activos.”