Entrevista de Marcos Pérez Pena a Eva Veiga en Praza:
“(…) “Como en todas as familias de Galicia, na miña tamén houbo emigrantes. E experiencias coma esta lévanche a descubrir a túa propia xenenaloxía”. Falamos coa poeta Eva Veiga, protagonista de A cicatriz branca, filme dirixido por Margarita Ledo que retrata a emigración da muller galega na década dos cincuenta. (…)
Este foi o primeiro filme para Eva Veiga, poeta e non actriz, que afirma que, en principio, non ten intención de recuncar: “Non creo, pero nunca se pode dicir desta auga non beberei. Eu non son actriz. Facendo este filme descubrín que a interpretación é un dos oficios máis difíciles do mundo”. “Algo fixera eu, pero na comparable con ter un papel nunha película” -di- “Tiña un pánico terrorífico que ía crecendo a medida que ía traballando no papel. Fun seguindo as instrucións de Margarita, deixeime dirixir”. Veiga confesa que se atreveu a facer o filme, entre outras cousas, “porque o personaxe ten algo que ver comigo. Non como emigrante, senón como suxeito dunha experiencia vital, extrema”.”