Homenaxe a Agustín Fernández Paz

A homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega este ano a súa XV edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura de Agustín Fernández Paz, que será homenaxeado na terra onde naceu, Vilalba.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Aelg, e tense constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural.

Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é unha bidueira), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.

Programa de actos

Sábado, 20 de xuño de 2009

12,00 horas: Parque Agustín Fernández Paz, Barrio das Fontiñas. Plantación dunha bidueira (árbore simbólica do escritor) e descubrimento do Monólito Escultórico. Interveñen: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg, Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg, e Agustín Fernández Paz

13,00 horas: Centro Cultural e Recretativo de Vilalba, Praza da Constitución s/n. Acto de entrega da “Letra E”. Intervirán: Gerardo Criado, Alcalde de Vilalba, Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg, e Manuel Bragado: Laudatio. Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas. Intervención do homenaxeado.

14,30 horas: Parador de Turismo de Vilalba, Rúa Valeriano Valdesuso, s/n. Xantar de confraternidade aberto aos/ás socios/as da Aelg, á vecindade da Terra Cha e demais persoas interesadas.

Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz é narrador, ensaísta, profesor, pedagogo, sociolingüista, especialista en animación á lectura e literatura infantil e xuvenil, actividades todas dunha vida comprometida cos oficios de educar e escribir na lingua de noso.

Autor de medio centenar de ficcións narrativas da máis variada fasquía, tecidas cos fíos da vida e da súa experiencia de lector e cinéfilo empedernido, en moitas delas evócanse as paisaxes da memoria da súa infancia chairega. Dende as súas novelas primeiras, As flores radiactivas (1990), Cartas de inverno (1995) e O centro do labirinto (1997), aos seus libros de relatos como Contos de palabras (1991) ou Cos pés no aire (1999), revelouse como un dos narradores que deixou máis fortes pegadas en milleiros de lectores e lectoras de varias xeracións.

Xa na súa madurez humana e literaria, ofreceu algunhas das novelas máis valoradas do noso tempo como Aire negro (2000), Noite de voraces sombras (2002) ou Corredores de sombra (2006). O Premio Nacional de Literatura Infantil (2007) polos relatos reunidos no libro O único que queda é o amor é o xusto recoñecemento á súa proeza literaria.

Anteriores merecedores deste galardón

I Edición 1995. Boa, Taramancos: Antón Avilés de Taramancos
II Edición 1996. Cangas do Morrazo: Bernardino Graña
III Edición 1997. Outeiro de Rei: Manuel María
IV Edición 1998. Vigo: María Xosé Queizán
V Edición 1999. Gres, Vila de Cruces: Xosé Neira Vilas
VI Edición 2000. Parada do Courel: Uxío Novoneyra (póstumo)
VII Edición 2001. Ribadeo: Luz Pozo Garza
VIII Edición 2002. Vilalba: Xosé Chao Rego
IX Edición 2003. Nogueira de Ramuín: Xosé Fernández Ferreiro
X Edición 2004. Teis, Vigo: Salvador García-Bodaño
XI Edición 2005. Ourense: Pura e Dora Vázquez
XII Edición 2006. Vigo: María do Carme Kruckenberg
XIII Edición 2007. O Valadouro: Manuel Lourenzo
XIV Edición 2008. Melide: Xosé Vázquez Pintor