Cuestionario Proust: Xosé Vázquez Pintor

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Vázquez Pintor:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A procesión que vai por dentro.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– As palabras limpas e o tempo en horas de nos ver.
4.– A súa principal eiva?
– O descoido.
5.– A súa ocupación favorita?
– A conversa demorada coa paisaxe.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O paraíso do Amor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– As despedidas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Leal e humilde, en feliz casorio cos tempos da vida.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Terramar Noroeste, en feliz xuntanza cos tempos da ledicia e de soñar.
10.– A súa cor favorita?
– O branco das nevaradas.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A camelia.
12.– O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.– A súa devoción na prosa?
Caballo en el salitral, de Antonio di Benedetto.
14.– E na poesía?
– Toda. Cando Ela é.
15.– Un libro?
– Sería inxusta unha escolla. Teño moitos no meu colo e no meu berce.
16.– Un heroe de ficción?
– Por acaso Sancho, coa súa pousa nas terra de saber e de agardar.
17.– Unha heroína?
– Moitas. Devecín por unha do meu imaxinario: a protagonista da novela Para dicir abril.
18.– A súa música favorita?
– Clásica. Namorei dela cando a procuraba para os espectáculos dos mimos, con Ancoradouro. E agradezo sobremaneira a Franz Liszt.
19.– Na pintura?
– Colmeiro, Laxeiro, Torres: a triloxía vangardista da Gallaecia en pé.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Hai cen. Dicir unha sería inxusto.
21.– O seu nome favorito?
– Adriana, a coprotagonista da miña última novela que está para saír.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O cinismo: que foran tamén os hábitos do “Prestige”.
23.– O que máis odia?
– A traizón.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Uufff, esa nube neghra! Non lles vou dar a oportunidade de persistir.
25.– Un feito militar que admire?
– Non sei. Hai palabras que dan medo e son terror.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A bondade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Soñando aquela miña infancia na aldea de Quian.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O tempero.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os físicos.
30.– Un lema na súa vida?
– Quérovos moito, nai-pai.”