Cuestionario Proust: Elena Gallego

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Elena Gallego:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Considérome unha persoa tenaz, ás veces teimuda.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Precisamente iso, lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– O tempo e a memoria, nunca son abondo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e viaxar, mellor se poden ser as dúas cousas á vez.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Compartir o recendo dun novo libro acabado de chegar do prelo coas persoas que máis quero. Se a cheminea está acendida, mellor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro non mencionar ao demo, non vaia ser…
8.– Que lle gustaría ser?
– De maior? Escritora.
9.– En que país desexaría vivir?
– Despois de visitar medio mundo, teño a cousa ben clara: en Galicia, por suposto.
10.– A súa cor favorita?
– Para vestir, negro. O meu mundo, verde e azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os tulipáns. Pero colecciono rosas.
12.– O paxaro que prefire?
– As pitas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño varios autores “favoritos”, pero aínda non atopei a pluma que me conquiste neses termos. Aínda me queda moito por ler, así que seguirei buscando.
14.– E na poesía?
– Hai varias autoras galegas que me gustan.
15.– Un libro?
– O dicionario. Todos. Imprescindibles.
16.– Un heroe de ficción?
– Robin Hood. Mágoa que sexa un personaxe de novela.
17.– Unha heroína?
– Carapuchiña Vermella. Eu, cando nena, quería ser valente coma ela.
18.– A súa música favorita?
– Vai por tempadas. Agora que estou revisitando os meus tempos de traballo na radio, ando ancorada nos éxitos dos anos oitenta e noventa.
19.– Na pintura?
– Leonardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Esa muller anónima que, sen cartos, sempre atopa recursos para poñer un prato quente na mesa.
21.– O seu nome favorito?
– Catarina. Era o da miña avoa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de hixiene persoal.
23.– O que máis odia?
– Que me fagan perder o tempo.
24.– A figura histórica que máis despreza?

25.– Un feito militar que admire?

26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A ubicuidade.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen decatarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ocupada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os dos cativos.
30.– Un lema na súa vida?
– Seguro que podes facelo mellor, así que borra iso e comeza de novo.”