O galego é de todos e a súa defensa tamén
Editorial de Xornal de Galicia, domingo 28 de xuñoNunca antes a lingua propia de Galicia estivera tan ameazada, e tampouco nunca antes se deran tantas condicións para superar vellas rémoras no discurso sobre o galego. A irrupción de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, e sobre todo o nomeamento de Xesús Vázquez como conselleiro de Educación, coa débeda contraída con Galicia Bilingüe durante a campaña como pano de fondo, colocaron aos galegos e ás galegas nun escenario inédito.
É a primeira vez dende a chegada da democracia que un goberno pon en cuestión o Estatuto de Autonomía e o espazo de convivencia que con el se empezou a crear en 1981. Tanto é así que, tamén por vez primeira, é a sociedade no seu conxunto e non un sector do arco parlamentario a que se sente agredida na súa dignidade. Os síntomas son cada vez máis evidentes, e todo apunta a que será tamén aí, no conxunto dos cidadáns e das cidadás, onde se acerte a frear a brutal ofensiva. [Ler artigo completo]