Cuestionario Proust: Antonio Seijas

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antonio Seijas:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Inxenuidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A suma de calidades que as converten en boas persoas.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Non agardo nada de ninguén.
4.– A súa principal eiva?
– Non sei dicir que non! E quizais a falta de autoestima.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, pensar, crear… e se é na natureza mellor.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar coa xente que quero, sen preocupacións.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A falta de amor e a falta dos seres queridos. É o único importante.
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu mesmo ata o final. É o que me tocou.
9.– En que país desexaría vivir?
– No meu, o que levo na alma, Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Azul escuro. E todas as que se ven no ceo no amencer e no solpor. Todas as cores que nos da a luz do sol na natureza.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A papoula, ten unha cor fascinante.
12.– O paxaro que prefire?
– Todos, dende os pardais, aos merlos cos seus cantos e as gaivotas que me levan ao mar con cada chío.
13.– A súa devoción na prosa?
– Lawrence Durrell.
14.– E na poesía?
– Vicente Aleixandre.
15.- Un libro?
Pasión de la tierra e Justine, por exemplo.
16.– Un heroe de ficción?
– Ningún.
17.– Unha heroína?
– Ningunha.
18.– A súa música favorita?
– A que me pon a pel de galiña e me fai chorar, a banda inglesa Marillion. Tamén gusto da música clásica coma Bach, etc.
19.– Na pintura?
– Quizais o que me chamou a atención dende ben novo foi Caspar David Friedrich. Conecta con cousas que van máis alá da realidade física. Quizais conecta coa realidade verdadeira.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Toda a xente que pensa máis nos demais que en si mesmo.
21.– O seu nome favorito?
– Non sabía que había que ter un favorito! Non teño!
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Calquera forma de falta de respecto.
23.– O que máis odia?
– Non odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ningunha en concreto, máis todas as que causaron e causan dor entre a xente.
25.– Un feito militar que admire?
– Non atopo compatibilidade neses termos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder sandar á xente e facela feliz.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Ben vivo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Esperanzado, positivo e melancólico.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non levan a danar aos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Tentar aprender e ser mellor persoa, tentar facer felices aos que me rodean, máis o meu avó sempre me dicía o de “é de ben nacidos ser agradecidos”, e o teño moi presente tódolos días.”