O Concello de Ferrol convoca a XX edición do Premio de carácter bianual Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria que ten por obxecto declarar o mérito apreciado nas obras gañadoras, presentadas en concorrencia con outras, e promover a creatividade artística e literaria de acordo coas seguintes bases que rexerán:
Primeira.- O certame comprenderá dúas modalidades:
– Premio de investigación lingüística ou ensaio (entendendo o ensaio como xénero literario nas claves de xeración do discurso, debate e reflexión), no que os traballos presentados terán unha extensión mínima de 100 folios e máxima de 250 folios.
– Premio de creación literaria (narración curta), que consistirá nunha narración curta ou nun conxunto de contos por autor, cun máximo de 60 folios.
Segunda.- A dotación para cada unha das modalidades do premio será de 3.700 euros impostos engadidos.
Ademais as obras gañadoras serán publicadas polo Concello de Ferrol. Respectaranse os orixinais presentados incluída a normativa lingüística.
Terceira.- Poderán participar neste premio todo/as os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten as súas obras escritas en lingua galega, con liberdade normativa.
Non poderán concursar os premiados, en calquera das dúas modalidades, ata dez anos despois de que lles fose outorgado o premio.
Cuarta.- As obras presentadas deberán ser inéditas. Este requisito deberá ser acreditado mediante declaración responsable asinada ao efecto.
Quinta.- Condicións técnicas: folios DIN A-4, letra Times New Roman, tipo 12 en texto, 10 en notas a pé de páxina e 9 en citas textuais de máis de tres liñas; interliñado sinxelo, marxes de 3 cm.
Nas dúas modalidades os traballos deberán estar axeitadamente grampados ou encadernados.
Sexta.- De cada obra presentarase unha copia en soporte informático e cinco copias en soporte papel, que deberán ser enviadas no período que abrangue dende o 16 de abril e o 16 de xuño de 2014, co correspondente título e lema indicando no sobre, e cun remite que sexa exclusivamente o lema, ao seguinte enderezo postal:
Concello de Ferrol – Rexistro Xeral
XX Premio Ricardo Carvalho Calero
Praza de Armas, s/n
15402-Ferrol
Nun sobre anexo (que acompañará á documentación anterior), pechado e baixo o mesmo lema, constarán os datos persoais, o número de conta corrente, un currículo breve, enderezo, teléfono, NIF e un remite que será exclusivamente o lema. O sobre estará dirixido ao Concello de Ferrol “XX Premio Ricardo Carvalho Calero”.
Sétima.- O xurado, que será nomeado polo Concello, estará formado por un presidente, un/unha secretario/a, que actuará con voz pero sen voto, e catro vogais entre os que figurarán o/s gañador/es da edición anterior e personalidades do campo das letras.
O xurado resérvase o dereito de que o premio quede deserto no caso de que considere que as obras presentadas non teñen a calidade mínima esixible.
O xurado fundamentará as razóns en que se baseou para a concesión do dito premio.
Oitava.- O ditame do xurado farase público, despois de reunirse para fallar o premio, nos primeiros quince días do mes de outubro do presente ano.
Novena.- As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores que o soliciten no prazo dun mes, contado dende o fallo do xurado. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. No caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais será destruídos.
Décima.- O Concello de Ferrol reserva para si os dereitos de autor na primeira edición; a partires da segunda as obras premiadas pasan a ser propiedade do seu autor, que deberá facer constar a condición de persoa gañadora do XX Premio Ricardo Carvalho Calero na modalidade que corresponda.
Undécima.- Polo simple feito de participar neste premio, a persoa ou persoas autoras comprométense a acatar estas bases.
Duodécima.- A Sociedade Cultural Medulio colaborará co Concello de Ferrol no desenvolvemento deste premio.
Ferrol, 6 de febreiro de 2014
O concelleiro delegado de Cultura,
Manuel-Reyes García Hurtado”