Miro Villar: “Acredito nesa visión poliédrica sobre Rosalía que desterra mitos historiográficos”

Entrevista de Montse Dopico a Miro Villar en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A pantasma da casa da Matanza é unha sombra, ben coñecida, a Negra Sombra. Partiu a idea dese poema en concreto?
– Miro Villar (MV): O conto naceu dunha encarga que nos fixo Helena Villar Janeiro, na altura presidenta da Fundación Rosalía de Castro, a varios autores e autoras para un volume de edición non venal intitulado Quen casa ten de seu, que se publicou en 2009 no 172 aniversario do nacemento da poeta. Nese contexto de homenaxe á casa maxinei esta historia na que, como ben dis, a inspiración chega da (re)lectura dun dos poemas máis coñecidos da autora. Na nova edición (Biblos, 2012) revisei o texto, porén a maior transformación veu das magníficas e suxestivas ilustracións de Xosé Cobas, que lle dan ao texto outra dimensión, no meu entender de moito lucimento estético. (…)
– MD: O mar é protagonista en Abecedario da desolación, en Gameleiros… Ademais do motivo obvio, que é a túa orixe, parece que o mar é un xeito, nos teus libros, de falar da viaxe que é vida, coa súa procura, os seus naufraxios… En que sentido es, nese aspecto, debedor da literatura clásica?
– MV: O mar fai parte importante da miña biografía. O mar levou a meu pai (devolveu o seu corpo aos poucos días) cando eu tiña apenas tres anos, o mar levou a América ao meu bisavó (hai un poema inesquecible do meu irmán Rafa Vilar sobre esa viaxe) e ao meu avó e o mar sempre estivo aí. Despois sempre me interesou a literatura do mar, de feito o libro preferido da miña infancia é Moby Dick de Herman Melville, nunha época que había baleeiros aínda en Caneliñas (Cee) e logo os poetas do mar, primeiro López Abente, logo Manuel Antonio ou Antón Zapata, logo Avilés de Taramancos ou Bernardino Graña. E sempre a literatura clásica, como ben subliñas na que o mar simboliza a existencia. (…)”