Berta Dávila: “Cando escribimos ficción contamos moitas verdades”

Entrevista de Carme Vidal a Berta Dávila en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Moitas críticas valoran a madurez da novela [O derradeiro libro de Emma Olsen].
– Berta Dávila (BD): As miñas mellores especulacións consistían en poder publicala mais todo o que aconteceu foi inesperado. Que me desen un premio como o Repsol e que se publicase de seguido e que fose tan ben recibido non era algo que estivera nos meus cálculos. Todo foi moi rápido e sorprendente. Cando estaba a escribir o libro en marzo, tiña a certeza de que era un texto pouco vendíbel, pouco interesante para un premio, pensaba que non se ía publicar nunca.
– SG: A súa novela que ten como protagonista unha escritora nace ao contemplar unha fotografía de Anne Sexton a quen homenaxea na novela. É un xogo de complicidade de creadoras?
– BD: A filla de Emma chámase igual que a de Anne Sexton. Xurdiu dunha fotografía na que estaba diante dunha máquina de escribir. Para min era a imaxe dunha escrita confesional, moi valente. O que fai Emma Olsen é facer unha retrospectiva con respecto a si mesma e contarnos o que quere que saibamos. A ficción é iso, contar o que queremos que os demais vexan de nós. Hai xente que pregunta se coincido con determinadas frases que di Emma Olsen e ás veces coincido e ás veces non mais é un xogo interesante. Notas como as persoas que o leron entran no texto. (…)
– SG: En poucos meses publicou un volume de poesía, unha novela e un libro de literatura infantil. Como se fai esa travesía literaria?
– BD: As datas de publicación non coinciden coas da escrita. Comecei a traballar con Inma Doval, autora das ilustracións, en A fuxida no ano 2011. Cando o puxemos na man da editorial aínda non saíra Raíz da Fenda e non rematara O derradeiro libro de Emma Olsen. Normalmente traballo en varios proxectos ao tempo, igual que fago na lectura, e iso explica tamén que prolongue os meus tempos de escrita. (…)”