Entrevista de Montse Dopico a Santiago Lopo no Magazine Cultural Galego:
“A aparencia de liberdade é só quimera nunha sociedade de consumo que controla as persoas a través de múltiples mecanismos. Un deles é o tempo. A obsesión por aproveitalo ate o último segundo. Esta é unha das reflexións das que parte a novela Hora zulú, de Santiago Lopo, editada por Galaxia e gañadora do premio García Barros 2012. Un libro no que a suposta loucura revela, por veces, lucidez. No que unha historia chea de intriga, armada con textos de orixe diversa, nos vai levando cara a un xeito de rebelión. Falamos co autor. (…)
– Montse Dopico: En todo o libro (desde as primeiras mencións á marea negra até a propia historia do Profesor), se amosan as inquedanzas ecoloxistas como cuestión de fondo. Mais parece que, alén diso, se quere apuntar a como a sociedade industrializada nos rouba a vida, o tempo, a liberdade. Era esa a idea?
– Santiago Lopo: En efecto, esa é unha das ideas que subxace durante toda a novela: a escravitude temporal. Non somos libres, o poder tennos controlados de moitas maneiras, e unha delas é por medio do tempo, un dos nosos bens máis prezados. Dende que nacemos, a sociedade de consumo recórdanos obsesivamente que o estamos a perder e non podemos recuperalo, así que nos ofrece multitude de estímulos para aliviar esa suposta “anguria”. A través da medición do tempo, o poder controla o ritmo das nosas vidas e ata do noso pensamento, un feito que se acentuou a partir da Revolución Industrial. (…)”