Entrevista a Modesto Fraga en La Voz de Galicia:
“«Vir ao mundo en Fisterra non é comparable a nacer noutro lugar. É coma ser o único espermatozoide que chega ao óvulo, pero por partida dobre». Quen fai esta comparación é Modesto Fraga, escritor e, actualmente, tamén libreiro, nacido no que durante tanto tempo foi o límite do mundo coñecido. E que mellor xeito de render tributo ao lugar cun libro. Fisterra, a derradeira perla de occidente é a obra coa que Fraga se mergulla na prosa despois dunha traxectoria ligada case sempre á poesía. «Era unha tarefa pendente, xa que pouco máis fixera que algún relato curto. Creo que ao final resultou un libro útil e divulgativo que vai axudar a comprender un pouco máis Fisterra», afirma. Un traballo que «é unha mestura de ensaio, guía turística, biografías e moitos outros xéneros», segundo explica.
Hai historias sobre personaxes coma o capitán Traba, poeta e mariñeiro, ou as de Jurjo e Chanquete, os dous fisterráns que lle puxeron cara á emigración na mítica fotografía de Manuel Ferrol. Ou unha detallada descrición das particularidades da fala fisterrá coma o enxordecemento (palancre, lonqueirón). (…)”