Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rosalía Fernández Rial:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A abstracción. Así, sen concretar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A Honradez, en especial na modalidade de impulso irreprimible.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan como son. Mais, postos a pedir, “Amor” (a poder ser, platónico).
4.– A súa principal eiva?
– Pisar ás miñas parellas de tango. Coa muiñeira, o rock ou a salsa non me pasa (aclároo por se alguén que nos estea lendo me quere sacar a bailar). En calquera caso, esa debe ser unha eiva secundaria. A principal penso que é a dúbida perpetua, mais non estou moi segura.
5.– A súa ocupación favorita?
– A ningunha actividade que me entusiasme lle chamaría “ocupación”.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser Feliz.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Aquela que tivera menos graza.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un personaxe de ficción.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Fantasía. E, de non ser posible, no das Marabillas.
10.– A súa cor favorita?
– A da Utopía.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A das “cen follas”.
12.– O paxaro que prefire?
– A Ave Fénix.
13.– A súa devoción na prosa?
– Ser moi devota duns poucos magos. E, logo, deixarme sorprender.
14.– E na poesía?
– Aínda máis.
15.– Un libro?
– Si, por favor. Grazas.
16.– Un heroe de ficción?
– Robin Hood existiu?
17.– Unha heroína?
– A de Trainspotting parece boa.
18.– A súa música favorita?
– Sempre depende do momento.
19.– Na pintura?
– Tamén.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mataríame se revelase a súa identidade.
21.– O seu nome favorito?
– O dese/a heroe/heroína real.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de copiar e pegar sen citar.
23.– O que máis odia?
– Que o ser humano sexa capaz de odiar.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de quen coartou a liberdade, en calquera das súas formas.
25.– Un feito militar que admire?
– O dos Jedis contra os Siths, son os únicos exércitos nos que creo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O das ilusionistas.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– En escena, tras a mellor función da miña vida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O onirismo con alucinacións.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os infantís. As cativas e cativos poden “facer de min un pandeiro”, expresión moi de Celso Emilio –de quen, si, son devota–.
30.– Un lema na súa vida?
– Miña avoa materna, Lema Touriñán.”