Desde Sermos Galiza:
“O Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano recoñecerá o esforzo das librarías na promoción da produción editorial galega. O editor e presidente da AGE, Manuel Bragado lanza desde o seu blog Brétemas unha serie para recoñecer o papel do escaparatismo na promoción do libro galego e un concurso para premiar ao mellor do ano. (…)
“Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria”, recoñece o editor que lamenta a pouca presenza do libro galego nos espazos de promoción dos puntos de venda.
Convoca finalmente aos lectores e lectoras do seu popular blog, Brétemas, para outorgar a fin de ano o Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano e abre a súa bitácora a quen queira remitir imaxes de vitrinas que promovan a produción editorial galega.”