Carme Vidal: “O apoio social é imprescindíbel para manter medios en galego”

Entrevista a Carme Vidal en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): -Que significa para ti o premio da AELG á traxectoria no xornalismo cultural?
– Carme Vidal (CV): Unha sorpresa e unha grande alegría. En certa medida esta é unha entrevista “contranatura”. Se algo me deron os anos de traballo creo foi práctica á hora de preguntar. Non para responder. Ás veces, mesmo na vida cotiá, atópome interrogando máis do debido. Teño a sensación de que o oficio sobrepasa o ámbito laboral para ser case unha marca persoal. Nese sentido, estás sempre do outro lado, tomando notas. O propio sábado, no día de entrega, programei en Pontevedra unha entrevista conxunta con Bernardo Atxaga e Anxos Sumai, premios da Crítica en lingua vasca e galega que sairá no próximo número de Sermos Galiza en papel. Era unha xornada de traballo que se tornou en festa. Situarte sempre do outro lado fixo, para min, aínda máis extraordinario o premio.
– SG: Cando recolliches o premio, falaches da paixón polo xornalismo.
– CV: Teño paixón máis tamén defendo a súa condición de oficio, de traballo. Teño a fortuna de vivir do xornalismo, algo, infelizmente, cada vez menos habitual. Desde que comecei, a profesión foi indo a menos. Tamén por iso paréceme de moito valor que a AELG inclúa entre os seus premios o do xornalismo cultural. Como todo o mundo que está neste oficio, podería facer unha grande listaxe de nomes de persoas que traballaron ou estudaron comigo e que ou están no desemprego ou abandonaron a profesión por puro esgotamento. Como di unha amiga que traballa en comunicación cultural, cando manda unha información e recibe os correos electrónicos de volta comproba como van aumentando os “caídos” do xornalismo. Cada vez máis devaluado e máis precarizado, sobrevivir no oficio do xornalismo comeza a ser unha fazaña.
– SG: Máis no xornalismo cultural?
– CV: Máis. A crise está batendo forte no sector. Os medios xeralistas están a reducir os espazos de información cultural mentres medran blogs, webs e outras plataformas especializadas que promoven xornalistas e outras persoas do ámbito cultural á marxe das empresas de comunicación. A nada que analicemos o noso panorama cultural podemos atopar blogs de crítica literaria como os de Ramón Nicolás, Armando Requeixo ou Xosé Manuel Eiré, propostas singulares como Trafegando Ronseis, Letra en Obras ou Fervenzas Literarias no ámbito literario por non falar do traballo dos propios escritores e escritoras, algúns moi áxiles na rede como Miro Villar, Helena Villar ou Antonio García Teixeiro, no ámbito literario. Gzmúsica.com ou Acto de primavera en cine ademais das ambiciosas propostas Biosbardia de César Lorenzo Gil ou o Magazine Cultural Galego de Montse Dopico están a ofrecer información e crítica de calidade. A oferta é extraordinaria, mais eu sentín a necesidade de defender tamén a profesión de xornalista con todos os dereitos laborais de calquera traballo. Hai cousa de un mes, unha institución cultural fixo unha convocatoria de prensa e conseguiu un amplo grupo de participantes. De todas as persoas asistentes, só unha estaba contratada. Lamentabelmente, este é o panorama da situación actual. (…)”