Carlos Penela: “Ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado da literatura galega actual”

Entrevista a Carlos Penela en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Poucos poetas poden presumir de ter os principais premios poéticos do país. Gañou o Espiral Maior, o Lorenzo Baleirón, o Caixanova e foi accésit no Esquío. Agora chega o González Garcés, dá vertixe ver tanto recoñecemento?
– Carlos Penela (CP): Os premios son un acaso e, si, tamén unha vía para exteriorizar un traballo; no meu caso, e ata ao momento, foi case o único medio que tiven para poder publicar, debido a motivos varios de certo aillamento e distancia e a outros sobre os que a min non me compete opinar (as editoras elaboran os seus catálogos cos seus propios criterios e os medios informan coa liberdade e as excepcións que consideran). En todo caso, acho que sería moito máis satisfactorio se o recoñecemento outorgado por ese premios -que eu agradezo, evidentemente- servise sobre todo para afondar nun diálogo máis amplo verbo do discurso literario galego do noso tempo, con liberdade e esixencia estética, máis alá da noticia puntual dun galardón que a min se me conceda ou non… Sexa como for, a miña tarefa é a de escribir co maior rigor, normalidade e independencia posibles en idioma galego, alí onde estiver. Máis nada. Fóra diso, ao meu ver, a miúdo córrese o risco de incorrer en imposturas e solipsismos algo innecesarios. Ademais, por parafrasear o poema de Elisabeth Bishop (unha autora que estimo especialmente), eu falaría tamén do facer poético como unha sorte de permanente “arte de perder”. (…)
– LeO: Son moitas as voces que o consideran un autor indispensable na poesía galega dos últimos 15 anos. Vostede leva xa ben anos residindo no estranxeiro, dende Viena, como se ve a literatura galega actual con máis de 2.400 km de terra por medio?
– CP: (…) Sobre o que vostedes me preguntan acerca da literatura galega actual vista desde a distancia: ben, a miña valoración creo que non variaría tanto de estar aí en lugar de estar en Viena como estou. Na medida do posíbel, tento manterme ao día a respecto das discusións e novidades que van aparecendo na literatura galega, as cales acompaño desde a rede e desde a bibliografía coa que me fago aquí. Doulle realmente moitas voltas a estes asuntos, na verdade…Ao meu entender, ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado de cousas actual; boto tamén algo en falta unha maior variedade de propostas e discusións máis ricas e plurais sobre certos asuntos… Mentiría se dixese o contrario e lamento non mostrar máis entusiasmo. Considero, ademais, que o ensaio en galego ten aínda moito que percorrer (ensaio de todo tipo, porque nunha lingua viva e moderna isto ten que ser así ou acabamos na peor das endogamias) (…)”