Francisco Pillado Maior: “Marcho coa sensación de ter gozado coa miña verdadeira vocación; a de editor”

EntrevistaFrancisco Pillado Maior a Francisco Pillado en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Non hai dúbida de que o teatro é algo que vai total e absolutamente vinculado á figura de Pillado Maior. Que foi para ti o teatro? Que significou na túa vida?
– Francisco Pillado (FP): O meu pai era un gran lector. Tiña unha magnífica biblioteca e lembro que nela “descubrín” as pezas teatrais de Shakespeare, un autor do que nos falaba a miúdo Miguel González Garcés, un excelente profesor de literatura que tiven nos anos de estudante de bacharelato. Tamén na biblioteca paterna achei os libros de dous grandes dramaturgos: Valle-Inclán e Federico García Lorca. Valle segue a ser un autor que goza de plena actualidade neste singular “Ruedo Ibérico” que habitamos. De feito, ás veces, resúltame complicado interpretar a realidade que estamos a padecer sen aplicar –como diría o propio don Ramón- “a matemática perfecta do esperpento.” O encanto de Federico García Lorca –á marxe da súa evidente xenialidade- radicaba –nos anos da miña adolescencia- en que era un autor prohibido e censurado polo franquismo. De feito, os libros que gardaba o meu pai, enviábanllos algunhas persoas exiliadas na Arxentina. Outra lembranza, que evoco sempre con emoción, foi ter asistido con Manuel Lourenzo, cando aínda eramos uns rapaces, á estrea de O don Hamlet de Álvaro Cunqueiro, no teatro Colón da Coruña, no ano 1959.
Xa no tardofranquismo, o teatro era ás veces unha forma de denunciar a ditadura que estabamos a padecer, burlando a censura existente. A este respecto os exemplos serían múltiples. Recordo unha representación… Estaban unha serie de actores e actrices sentados no escenario falando de xeito distendido e, nun momento determinado, entran dous actores, vestidos co uniforme da policía e berrando: “manos arriba o disparamos al aire!” De súpeto, os que estaban sentados, axeóllanse e comezan a suplicar: “Al aire no, al aire no, por favor”. Nese momento, as persoas que estabamos entre o público comezamos a aplaudir entusiasmados! Hoxe, isto, podería ser catalogado como exemplo de “teatro do absurdo”, mais naqueles tempos era frecuente ler notas de prensa que dicían: “Manifestación de los obreros del metal en Vigo. La policía se vió obligada a disparar al aire y hubo cuatro muertos” (…)”