Discurso de María Reimóndez na entrega do XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

DiscursoMaría Reimóndez de María Reimóndez na entrega do XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, na súa páxina web:
“Recibir este premio fai que teña que agradecer ao xurado a súa escolla por dous motivos diferentes. O primeiro ten que ver con este texto, A dúbida, que se achega a un silencio habitual non só no literario senón na sociedade, os abusos sexuais a menores. Faino, ademais, dende unha óptica que persoalmente me perturba, a da loita de discursos que se dá cando se sabe dunha agresión e na que cada persoa ten que buscar a súa posición. A miña estivo e estará sempre do lado das vítimas e sobre todo do lado daquelas persoas que traballamos para cambiar un imaxinario no que se basean estas e outras violencias contra as nenas, nenos e mulleres, construíndonos como obxectos de consumo para o pracer sexual masculino. Ata aquí o primeiro motivo.
O segundo é porque este premio me dá a oportunidade de dirixirme en persoa a quen representa este medio, La Voz de Galicia. En primeiro lugar quero darlles os parabéns a quen sexan responsables de manter en tempos complicados este premio de novela por entregas, non só polo interesante do xénero senón pola oportunidade que dá de chegar cada día durante un mes cun texto á súa importante base lectora. É unha mágoa que estes textos sexan unha illa nun xornal que non só se caracteriza por publicar fundamentalmente en castelán malia as vizosas axudas que do goberno da Xunta recibe para publicar en galego, senón que tamén é coñecido por participar con frecuencia dos discursos estigmatizantes cara ao galego. Véxome na obriga de recordar aquí que cada vez que se transmiten de diversas maneiras contidos como que o galego non vale para nada, ou que o galego se impón hai persoas que semellan esquecer que do que están falando é de persoas. Estásenos dicindo ás persoas galegofalantes coma min, coma a miña familia, como as cada vez menos nenas e nenos que chegan galegofalantes ao ensino, que non valen para nada. Este tipo de discurso crea un clima que nos fai a vida diaria cada vez máis complicada ás persoas galegofalantes, oxalá o seu xornal publicase algún día unha reportaxe sobre isto. Fronte aos discursos aprendidos do prexuízo e da discriminación que fan que tantas persoas galegofalantes pasen ao castelán en diglosia ou por vergoña, que abandonen a súa lingua e non a transmitan por pensar que así ascenden na escala social, é obriga de todas traballar por un futuro que non sexa o que perfilan as políticas lingüísticas actuais. Un futuro de insignificancia e pobreza.
Mais aínda non estamos aí e moitas traballamos por un futuro distinto. Nese contexto quero aproveitar para falarlles da campaña «Como cho digo», promovida pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CNTL) que busca que non se nos traduza ao castelán ás persoas e contidos que se expresan en galego nos medios de comunicación. Facelo é crear ese país ficticio onde ou somos invisibles ou somos apropiadas e estigmatizadas, invisibilizando que a política, a cultura, o deporte e a cidadanía falamos e queremos seguir falando en galego. Esta campaña está apoiada por numerosas persoas e entidades e gustaríame convidar a La Voz de Galicia a ser o primeiro medio que adopte unha política clara neste sentido. Se non se traducisen os comunicados de concellos, da Xunta, as palabras da xente da cultura e de moitos outros ámbitos o seu xornal sairía xa sen dubidalo moito máis acorde non só coa realidade sociolingüística senón cos valores que se agardarían del nos tempos actuais.
É unha mágoa que cando unha recibe un premio teña que investir estes minutos de atención en poñer o foco en cousas coma esta no canto de falar da escrita mesma pero eu teño claro que sen lingua non hai cultura, que o galego é a casa común e que se o que escribo, incluída a novela que hoxe recibe este premio, ten sentido é pola lingua na que está escrita e a conexión que establece con quen teño preto e a partir de aí co mundo. Estou certa de que se tivésemos do noso lado moito máis un xornal como La Voz de Galicia o presente e sobre todo o futuro da nosa lingua tería unha luz ben diferente. Por iso confío en vostedes para non seguir facendo de nós mudas e ser tamén algún día verdadeiramente a nosa voz.”